Primeira medalla para Bea Gómez nos Nacionais de natación: bronce nos 800 libres
Por Redacción
Beatriz Gómez Cortés volveu con forza á competición. Tras ausentarse da Copa de España de clubs pola intervención cirúrxica que afrontou o pasado mes de maio, a nadadora pontevedresa colgou unha nova medalla. Gañou o bronce na proba dos 800 metros libres no Campionato de España de Natación que se está a disputar dende o pasado mércores nas piscinas de Picornell (Barcelona).
A nadadora do CN Galaico parou o crono en 8:41.79, un tempo que só melloraron Melani Costa, que se proclamou campioa de España ao completar a proba trece segundos máis rápida que a pontevedresa, e da ribeirense María Vidal, que bateu a súa marca persoal e cos seus 8:30.94 foi segunda.
Ademais, nesta proba dos 800 metros libres participaron tamén outras nadadoras do Galaico. Foron Águeda Beatriz Cons (posto 17), Iria García (posto 24) e Lara Gómez Cortés (posto 30).
Este resultado de Bea Gómez permítelle ademais conseguir a marca mínima para competir no Mundial de natación que se disputará dende o 24 de xullo na localidade rusa de Kazán.
A de 800 metros libres non será a única proba na que participe Bea Gómez dentro destes campionatos de España. Tamén nadará nos 200 e 400 metros estilos e nos 100 metros braza.
REPRESENTACIÓN PONTEVEDRESA EN BARCELONA
Xunto coas probas nas que nadará Bea Gómez, o Galaico segue en competición con outros sete deportistas, cinco mulleres e dous homes.
Águeda Beatriz Cons farao nos 400 e os 1.500 libres e nos 400 estilos, Nuria Erselle nos 200 costas, nos 200 libres e nos 200 estilos; Inés Gómez -que xa quedou eliminada na fase preliminar dos 50 libres- nos 100, 200 e 400 libres; e Paula Goyanes e Lara Gómez Cortés, tras os seus postos 17 e 47 nos 200 bolboreta, farano nos 200 e 400 estilos. Goyanes nadará tamén nos 200 costas.
En categoría masculina só competirán Cristian Fernández nos 800 metros libres e Daniel Sánchez, tras o seu posto 28 nos 100 costas, aínda nadará nos 50 e 200 costas, os 200 estilos e os 200 libres.
Relacionadas:
-
Bea Gómez, fóra da final dos 800 libre na súa estrea no Mundial de Kazan
Por Diego Espiño |
-
Bea Gómez chega a Kazan para afrontar o reto do Mundial
Por Diego Espiño |
-
Bea Gómez despídese do Nacional de Barcelona cun novo ouro nos 200 metros estilos
Por Redacción |
-
Bea Gómez Cortés, primeiro ouro en Barcelona ao proclamarse campioa de España de 400 estilos
Por Redacción |
-
Bea Gómez retoma a competición no prestixioso Circuíto Mare Nostrum
Por Redacción |
-
Bea Gómez volve aos adestramentos concentrándose co equipo nacional en Serra Nevada
Por Redacción |
-
Bea Gómez, operada con éxito dunha anomalía cardíaca
Por Redacción |