Unha noite contra púxiles portugueses en Vigo, estrea do novo club de boxeo Team Thunder Marín
Por Redacción
O boxeo marinense conta cun novo club. O Team Thunder Marín, encabezado polo catro veces campión galego Aarón 'The Thunder' González, estrearase na competición este sábado 11 de xullo nunha noite de boxeo que se celebrará no Hotel Baía de Vigo.
Nela, o subcampión galego promesa Abel Ferreira recibirá ao portugués Filipe Bacelo. O peso lixeiro que vestirá a camiseta do Team Thunder Marín enfróntase ao seu décimo combate, este xa cun peso internacional. Os responsables do club esperan que a súa clase técnica e a súa velocidade no ring sorprendan o púxil rival.
A continuación, Alba Pedrosa, que recentemente se proclamou campioa galega de boxeo, realizará a súa estrea internacional co boxeador luso Barbara Oliveira. Para gañar este combate, a marinense terá que impoñer a súa envergadura e frear cos seus potentes golpes rectos ao seu rival.
A noite finalizará co esperado combate entre o excampión portugués Fabio Costa e Aarón González. Será toda unha revancha para o galego, xa que hai aproximadamente un ano tivo lugar un duelo entre ambos os dous en terras lusas e entón a vitoria se foi ao lado de Fabio Costa nunha controvertida decisión.
Este será o primeiro paso para este novo proxecto deportivo que terá o seu centro de operacións no pavillón da Raña. Ademais, o martes 14 todo o equipo elite e os xuvenís realizarán unha exhibición na Alameda de Marín con motivo das Festas do Carmen.
Aínda que a súa verdadeira proba de lume será o 1 de agosto nos campionatos de España de boxeo que se disputarán na cidade de Ourense.
Relacionadas:
-
O boxeo regresa a Marín cunha nova reunión na Cañota
Por Redacción |
-
Alba Pedrosa, a promesa do boxeo feminino marinense
Por Redacción |
-
O Rebouras Team achégase aos marinenses cunha exhibición en plena Alameda
Por Redacción |
-
O boxeo marinense, protagonista do Campionato Galego celebrado en Vilagarcía
Por Aitana Vidal |
-
Aarón González proclámase na Coruña campión galego de boxeo olímpico
Por Redacción |