Leccións de ACB na Cidade Infantil Príncipe Felipe
Por Diego Espiño
Na súa segunda edición, o Campus Baloncesto Estudiantes Pontevedra que se está a desenvolver nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe, está a contar con visitantes de excepción.
Primeiro, o pasado luns, foi o xogador internacional do UCAM Murcia Carlos Cabezas o que compartiu adestramento e experiencias cos novos talentos pontevedreses, mentres este martes foi quenda para Pepe Pozas, base do Obradoiro.
Baixo a cordinación de Cuco Rodríguez, o campus pretende ser "un proyecto de formación" que xira arredor do baloncesto.
As dúas estrelas invitadas durante os primeiros días sometéronse ademais ás preguntas, algunhas indiscretas, dos mozos, que puideron coñecer de preto como é a vida dun xogador de elite.
Polo campus tamén pasarán durante os próximos días Gonzalo Rodríguez, adestrador axudante do Obradoiro, e a xogadora do Arxil María Lago.