Lourdes Domínguez salva dúas pelotas de partido para acceder á segunda rolda de Roland Garros
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Grande remontada de Lourdes Domínguez na primeira rolda de Roland Garros nun maratoniano partido ante a estadounidense Christina McHale, número 55 do ranking WTA.
A tenista pontevedresa impúxose en tres sets (3-6, 7-6 e 6-4) tras case dúas horas e media de xogo e despois de salvar dúas pelotas de partido.
Fíxoo na segunda manga, porque o partido empezou costa arriba para Lourdes, sen apenas opcións de rotura e penalizada pola única bóla de break que concedeu.
O segundo set empezou ademais con rotura da estadounidense, pero con 0-2 a pontevedresa repúxose para sumar catro xogos consecutivos e meterse de novo no partido.
A situación volveu xirar do lado de McHale, que se puxo 4-5 e gozo de dúas opcións para pechar o choque, pero non as aproveitou e Lourdes rematou levándose o set no desempate (7-4) tras 57 minutos de batalla.
Igualada a contenda empezaba un novo enfrontamento e facíao rapidamente cun 0-2 para a estadounidense, que obrigou unha vez máis a sacar o mellor xogo do repertorio de Lourdes Domínguez para igualar primeiro e lograr, no sétimo xogo do set, o break que ao cabo sería definitivo nunha manga que foi de novo case unha hora.
En segunda de Roland Garros a pontevedresa encontrará un óso duro de roer, a décima raqueta mundial, Andrea Petkovic, á que non logrou vencer nos seus dous enfrontamentos previos.