Este Cisne vai en serio; imponse con autoridade ao PAN Moguer (31-24)
Por Ramiro Espiño & Daniel Santomé
Primeiro paso dado. E de xigante. O Cisne demostrou ser un serio aspirante ao ascenso, desfacéndose con autoridade dun complicado PAN Moguer, no primeiro partido do play-off de ascenso a División de Honra B. Os de Edín Covelo terán que afrontar agora o que pode ser unha final anticipada este sábado, enfrontándose no segundo partido ao BM Carabanchel, tamén gañador na xornada inaugural impoñéndose ao BM Elda.
Comezou ben o Cisne, xogando con fluidez en ataque para poñerse pronto por diante cunha renda de tres goles (4-1), pero os nervios e a responsabilidade do primeiro partido dun play-off, xunto coa precipitación provocada polas ansias de querer resolver pola vía rápida, deixáronse sentir, o que aproveitou o equipo madrileño para remontar cun parcial de 0-4 e poñerse por primeira e única vez con vantaxe.
Reaccionaron os de Edín Covelo mediado o primeiro tempo, apoiados nun bo Toño Lafuente, baixo paus, e con Andrés Sánchez imparable nos seus lanzamentos. Como resultado diso, os pontevedreses lograban a súa máxima renda (11-7) aos 22 minutos de xogo.
O resto do tempo ata o descanso deixou a sensación de que o Cisne desaproveitara a oportunidade de abrir unha diferenza case definitiva. Evitouno o equipo andaluz fundamentalmente en accións individuais de Sergio Cruzado. Con todo os locais deron pareceron superiores.
Faltaba axustar detalles en ataque e unha maior achega do seu cerebro, Álex Chan, que non encontrou sitio nos primeiros 30 minutos para tirar proveito do seu dinamismo no xogo.
E apareceu o central para dirixir a circulación de balón. Como tamén seguiu facendo das súas Andrés Sánchez. Pepe Camiña uniuse á festa, facendo estragos dende a liña de seis metros, encontrando ocos na defensa andaluza. O Cisne foise cinco arriba (18-13, minuto 37), pero Moguer non se rendeu, volvendo achegarse a só un gol nun par de ocasións.
Só quedaba que o Cisne lle puxese un pouco máis de intensidade nas súas accións defensivas. Fixérono os brancos mediado o segundo tempo. Pablo Galán apareceu tamén en portaría cun paradón en contragolpe visitante. Os brancos pasaron a realizar unha defensa moi profunda sobre ambos os dous laterais, suficiente para que aos andaluces se lles fundisen os plomos.
O primeiro paso estaba dado de forma máis que merecida. Quedan dous e moi complicados, pero o Cisne deixou patente que é un claro aspirante ao ascenso.
BM CISNE (31): Toño Lafuente; Edu Covelo (2), Álex Chan (2), Andrés Sánchez (9), Carlos Rodríguez, Pablo Vidal (2), Pablo Rey (1) -sete inicial- Pablo Galán, Santi Cuenca; Iván Abilleira (3, de penalti), Bruno Montesinos, Pablo Picallo (2), Rafa Dasilva (3), Miguel Simón, Javi Vázquez (2) e Pepe Camiña (5).
PAN MOGUER (24): José Francisco Martín; Cristian Moll (1), Alejandro Millán (4), Alejandro Capelo, Ignacio Sánchez, Gonzalo Álvarez (4, 2 de penalti), Diego Roque -sete inicial-, Emilio Guerrero; Sergio Cruzado (8), Javier Ollero, José Antonio Jiménez (4), Daniel Podadera, Gonzalo Álvarez, Fernando Sánchez, Alejandro Martín (3), Isaac Cumbrera e Álvaro Quintero.
Árbitros: Jesús Álvarez e José Carlos Friera (Asturias). Excluíron dous minutos a Andrés Sánchez, Miguel Simón (2) e Álex Chan, polo Cisne, e a Alejandro Millán, Fernando Sánchez, José Antonio Jiménez e Diego Roque, polo PAN Moguer.
Marcador (cada cinco minutos): 1-0, 4-2, 5-5, 9-7, 11-8, 13-11 (descanso), 15-13, 18-15, 20-19, 24-21, 26-21 e 31-24 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 500 espectadores. Partido correspondente ao play-off de ascenso á División de Honra Prata.
VITORIA DE BM CARABANCHEL (29-21) SOBRE BM ELDA
O partido que abría o play-off enfrontou a BM Carabanchel, campión do grupo B, co BM Elda alicantino, subcampión do grupo E. A vitoria correspondeu ao conxunto madrileño que mostrou moi boas maneiras, cun xogo rápido e vistoso, da man de xogadores moi novos pero que deixaron mostras dunha apreciable calidade técnica.
Os madrileños levaron a iniciativa durante a práctica totalidade do partido, aínda que o Elda cheo de xogadores con maior veteranía e experiencia, logrou manterse no partido apertando o resultado en varias fases, para renderse só nos últimos cinco minutos nos que o Carabanchel se escapou con claridade.
SEGUNDA XORNADA
A segunda xornada dispútase este sábado, cos partidos que enfrontan a BM Elda e PAN Moguer (16:00 horas) e ao Cisne co BM Carabanchel (18:00 horas), como antesala á despedida ligueira do Teucro da División de Honra B, que será no mesmo escenario do pavillón Municipal dos Deportes, ás 20:30 horas, fronte a Palma do Río.
Relacionadas:
-
Un soño feito realidade: o Cisne fai pleno, imponse ao BM Elda (27-25) e consegue o ascenso
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Da man de Álex Chan o Cisne acaricia o ascenso tras impoñerse (33-31) ao BM Carabanchel
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Santi Picallo, ante a fase de ascenso do Cisne: "Esperemos que la gente responda"
Por Redacción |
-
O Cisne publica o prezo de abonos e entradas para a fase de ascenso
Por Redacción |
-
O Cisne xogarase o ascenso a División de Honra Prata na casa
Por Diego Espiño |