Benja di adeus á tempada
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol retoma este mércores os adestramentos tras o permiso de dous días de Luisito ao plantel como premio ao campionato ligueiro, certificado o pasado domingo ante As Pontes, e faino cunha noticia negativa.
As probas médicas ás que foi sometido Benja, que se retirou lesionado o pasado domingo tras pouco máis de 10 minutos no terreo de xogo, revelan que sofre unha importante rotura de fibras na zona dos isquiotibiais.
Esta lesión supón que o dianteira deberá estar de baixa polo menos un mes, polo que se perderá con total seguridade a eliminatoria de campións polo ascenso a Segunda B.
Máis positivos foron os resultados da ecografía realizada a Jacobo, que tamén foi cambiado ante As Pontes por problemas musculares. No caso do de Bueu non se aprecia rotura, aínda que si unha lixeira lesión muscular que aconsella o seu descanso nas próximas xornadas.
A súa evolución marcará a dispoñibilidade estas semamas, pero o obxectivo pasa por estar listo para a fase de ascenso.
É un caso similar ao de Adrián Gómez, ao que non se forzará esta semana para que chegue plenamente recuperado á fase definitiva da tempada.
O que si está plenamente reintegrado ao grupo é Fran Fandiño, que podería mesmo volver ao once inicial o próximo domingo en Cangas (18:00 horas) se Luisito o considera oportuno, choque ante o Alondras que se perderá Campillo por sanción.
A parte positiva para o técnico de Teo é que, de cumprirse as previsións e se non xorden imprevistos, só contaría coa ausencia de Benja na eliminatoria polo ascenso.
Relacionadas:
-
A segunda unidade do Pontevedra arranca un merecido punto en Cangas (1-1)
Por Ramiro Espiño |
-
Trámite no Morrazo para o Pontevedra fronte a un Alondras que apura as súas opcións matemáticas
Por Ramiro Espiño |
-
Castellón, Linares ou Mérida, entre os posible rivais do Pontevedra no play-off
Por Diego Espiño |
-
Campións de Liga! O Pontevedra empata con As Pontes (0-0) e rubrica unha fin de semana máxica para o deporte local
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |