Preocupación por Santi Domínguez e Fran Fandiño na volta ao traballo do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Nunha semana atípica de traballo, o Pontevedra realizou o mércores unha suave sesión de adestramento que tivo como escenario o campo da Cidade Infantil de Príncipe Felipe. Foi máis que nada un lixeiro contacto para non perder ton, nun ensaio ao que asistiu toda o equipo, coa excepción do central David Sestelo, que está a realizar o curso de adestradores, tendo que acudir a unha clase á mesma hora que a programada para o adestramento.
Polo campo achegouse o adestrador, Milo Abelleira, quen goza duns días de vacacións, para observar o estado dos seus xogadores, podendo comprobar con preocupación que a evolución dos lesionados non marcha de forma satisfactoria e que tanto Santi Domínguez coma Fran Fandiño son serias dúbidas mesmo, a pesar do tempo que falta ata a próxima xornada do día de Reyes, para o transcendental choque fronte ao Deportivo B.
O centrocampista mellorou lixeiramente co descanso das súas molestias de pube que lle veñen acompañando dende a pretempada, pero aínda así non puido adestrar co grupo, mentres que o dianteiro, do que se pensaba que tan só padecía un molesto golpe na tibia, se teme teña unha pequena rotura muscular, que de confirmarse pode obrigalo a permanecer no dique seco aínda por espazo doutras dúas semanas.
O equipo volverá adestrar o xoves e venres en Príncipe Felipe, para descansar novamente ata o próximo mércores, día 3, data na que retornarán definitivamente aos adestramentos, xa coa vista posta nese partido ante o filial deportivista e nun mes de xaneiro altamente esixente, que determinará as posibilidades reais do Pontevedra para o resto da tempada.