Entrada de balde para empuxar o Arxil cara á fase de ascenso
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A cara ou cruz xogarase todo o Club Baloncesto Arxil o próximo sábado, e consciente diso a entidade verde lanzou un chamamento á súa afección.
O Arxil debe gañar ao Univerisdad de Oviedo (19:00 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva) para meterse no play-off de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino nacional.
En caso de perder o conxunto pontevedrés podería tamén rematar entre os catro primeiros sempre que o Cortegada gañe o seu partido ante o Ensino, xa que as verdes só sairían prexudicadas nun triplo empate co propio Cortegada e o Aros León.
As de Mayte Méndez téñeno da súa man e por iso o club decidiu que a entrada para o encontro sexa de balde, co obxectivo de converter o CGTD nunha caldeira.
"Imos necesitar un pulmón extra que nos axude e empurre, e temos que sacar o partido adiante", recoñece o corrdinador arxilista Lino Vázquez antes de recordar que de clasificarse para a fase de ascenso sería a primeira vez que o conseguisen dende a tempada 2003/2004.