Outro paso atrás do Pontevedra que empata en Betanzos (3-3) coqueteando cun novo ridículo
Por Ramiro Espiño
O Pontevedra segue sen gañar fóra de casa, non o fai dende a terceira xornada de liga, e sofre unha nova freada nas súas aspiracións de achegarse aos postos de privilexio da Terceira División.
Unha mala primeira parte lastrou aos granates ante o Betanzos (3-3). Os locais, superiores na primeira parte, salvo nos primeiros minutos, conseguiron adiantarse por dous goles a cero, pero un tanto de Tubo no tempo engadido antes do descanso, meteu de novo os pontevedreses no partido.
Á volta de vestiarios, un Pontevedra máis entoado e ofensivo logrou a igualada (2-2) cun tanto de Javi Pazos, no primeiro balón que tocaba. Dous minutos de loucura supuxeron o 3-2 para o Betanzos e o gol de Jacobo de penalti para poñer o 3-3 definitivo no electrónico.
Con este empate, o equipo lerezano despide o ano lonxe dos postos que dan dereito a xogar a fase de ascenso.
Foi unha nova decepción para os seguidores dun Pontevedra que segue empeñado en dar facilidades aos seus rivais. Dez minutos aseadiños, sen máis, deron paso a 35 de terror. Neles os granates mostraron o amplo repertorio de erros que lles vén lastrando dende fai xa varios xornadas, especialmente lonxe de Pasarón.
Para empezar, Milo intentou solucionar a baixa do seu artilleiro Santi Domínguez, dunha forma que se antolla difícil de entender, deixando no banco aos dous dianteiros natos dos que dispón, para utilizar un trivote na medular e outro terceto en punta, con frecuentes cambios de posición que máis que facer dano ao rival remataban por marear a máis dun. Iso pasoulle a Tubo, que se fixo unha lea na primeira vez que se encontrou cun balón só ante Diego e non acertou a rematar.
Logo, os regalos que non falten, que para iso estamos en Nadal. Entre Lloves e un estraño criterio arbitral, sácanse da manga un libre indirecto por suposta cesión que case ninguén viu e que remata co primeiro gol, froito do acerto do lanzador, pero tamén da "amabilidade" dunha barreira aberta polo centro.
No colmo do "visitante xentil", un minuto despois unha mala cesión provoca o segundo, ao aproveitar Felipe o regaliño correspondente. 2-0, mal resultado, pero peores sensacións. Por aquel entón había moitos minutos que o Pontevedra se "ausentara" do campo, e menos mal que o Betanzos non quixo "abusar", porque dous novos erros en perdas de balón perfectamente evitables, deixan a Xoel só ante Lloves. O dianteiro local non o cre e os seus intentos de "picadiña" rematan un na bandeirola de corner e o outro nas mans do porteiro.
Entre medias Caco estrelara no poste un balón no segundo pau tras lanzamento dun corner, como único sinal de tímida reacción pontevedresa.
Pero cando nada facía indicar a reacción, no desconto Caco pon un excelente balón ás costas dos centrais, e, agora si, Tubo báixao perfectamente co peito e cruza só ante Diego. Era o 2-1 que metía ao Pontevedra no partido, tras unha horrorosa primeira metade.
Milo move ficha no descanso, desfacendo a "marfallada" que puxera en escena ao principio. Entran Stefan e Javi Pazos. Vólvese a debuxo táctico habitual do 4-4-2, pero o máis importante é que en apenas dous minutos se puxo de manifesto un radical cambio na posta en escena. Agresividade, intensidade e velocidade. Richi, dos poucos que se salvan dunha deficiente primeira parte únese á festa, ben secundado por Jacobo, e a lóxica imponse: se hai dianteiros hai máis opcións de gol, especialmente se algún deses ten ese raro don de "ver portaría".
Pendente de avaliar o seu alcance, Caco retirouse ao sufrir molestias nas costas
Fíxoo Javi Pazos, no primeiro balón que tocou. Empate e partido novo. Milo retocara ademais a defensa, colocando Caco de central, pero en 10 minutos lesiónase o capitán e o equipo reséntese. Sen perder xa esa intensidade contaxiosa que achegaran os recén incorporados, o partido ábrese. O Betanzos adiántase nunha acción de calidade entre Marcos e Javi Otero, pero Stefan forza unha xornada máis un penalti providencial, que transforma Jacobo, para salvar os mobles.
Mesmo Richi tivo nas súas botas o cuarto, nun sensacional balón que lle serviu Javi Pazos, pero no man a man con Diego estrela o disparo na cara do porteiro. Claro que Lloves faría o propio un pouco despois ao despexar, neste caso co pé, un remate a queimarroupa de Marcos.
E fin da historia. Empate con sabor amargo, que de pouco serve para intentar achegarse aos postos de privilexio, pechando un ano natural con máis sombras que luces.
BETANZOS CF (3): Diego (2); Botana (1), César (1), Rebollo (1), Jacobo (1); Michi (2); Marcos (2), Javi Otero (3), Cata (2), Xoel (2); e Felipe (2).
Substitucións: Álvaro (1) por Xoel, minuto 73.
PONTEVEDRA CF (3): Lloves (1); Cristóbal (0), Sestelo (1), Pablo (1), Nano (2); Moisés Pereiro (1), Caco (2), Iago Paz (0); Richi (3), Jacobo (3) e Tubo (1).
Substitucións: Javi Pazos (3) por Sestelo, minuto 46. Stefan (3) por Tubo, minuto 46. Adrián (2) por Caco, minuto 55.
Árbitro: Breogán Martínez Vila, auxiliado nas bandas por Pérez Martínez e Prada Vázquez (Ourense). Amoestou a César, Michi, Marcos, Iago Paz, Jacobo, Stefan e Moisés Pereiro.
Goles: (1-0) Minuto 28: Marcos, aproveitando un libre indirecto dentro da área. (2-0) Minuto 29: Felipe, tras recoller un pase atrás da defensa visitante. (2-1) Minuto 45 +2: Centro de Caco que controla Tubo co peito batendo a Diego de tiro cruzado. (2-2) Minuto 48: Javi Pazos, de cabeza á saída dun corner botado por Jacobo. (3-2) Minuto 60: Javi Otero, aproveita un gran pase de Marcos para bater a Lloves cun disparo suave sobre a saída do meta. (3-3) Minuto 62: Jacobo transforma un claro penalti por derrubamento de César a Stefan.
Incidencias: Partido disputado no García Hermanos de Betanzos. Apenas 150 espectadores.
VESTIARIOS:
JOSÿ MANUEL POSE: O adestrador local estaba satisfeito só a medias polo punto conseguido: "Penso que freamos o Pontevedra e mesmo puidemos sentenciar o partido na primeira parte, pero houbo unha xogada que foi decisiva e que non remato de entender, que foi o que meteu o Pontevedra no partido. Refírome máis que a unha xogada ao feito de que desconte tres minutos na primeira parte e aí chegou o gol deles. ÿ algo que non vin nunca e que non me explico".
Ao indicarlle que eses tres minutos se perderan nunha acción na que o porteiro do seu equipo tivo que cambiarse as botas, estando o xogo para durante ese tempo, Pose insistía: "Eu creo que foi esaxerado. Marcaron cando ían máis de dous minutos de desconto e non creo que houbese motivo".
Ademais desa acción, Pose insistiu en que o seu equipo merecera máis: "Con 2-0 no marcador tivemos dúas ocasións de Xoel só co porteiro para resolver. Logo, na segunda parte, despois de empatarnos eles e volver adiantarnos tiñamos que ter durmido o partido e non permitir a xogada do penalti. Despois o partido abriuse máis, con ocasións máis repartidas, pero nós tivemos unha moi clara que sacou o seu porteiro (neste punto Pose omitiu facer referencia á que Richi fallou só ante o seu). Creo que merecemos gañar".
MILO ABELLEIRA: Con xesto de circunstancias, o adestrador granate valoraba así o sucedido no cesped do García Hermanos: "Empezamos ben, mesmo tivemos un par de ocasións de Tubo que non acertamos a transformar, pero logo demos moitas facilidades, especialmente Lloves, que outras veces está ben, pero que hoxe se complicou a vida e xa antes da xogada que nos custou o primeiro gol tivera un par de accións de risco. Logo esa perda de balón e o segundo que nos puxo o partido moi costa arriba, pero o gol antes do descanso non veu ben e na segunda parte tivemos máis intensidade".
Ao preguntarlle se os cambios foran claves, Milo dixo: "Os homes que entraron fixérono ben, pero para iso necesitamos que o balón saíse mellor xogado dende atrás. Hoxe Sestelo non tiña o seu día e por iso decidín cambialo. O malo é que cando conseguiramos o empate se lesiona Caco e notámolo, o que nos impediu seguir levando o mando no partido,".
Milo valoraba o empate: "Non é un bo resultado. Viñamos a buscar a vitoria, pero isto déixanos un pouco lonxe e obríganos máis a gañar os dous partidos que nos quedan para pechar a primeira volta polo menos un pouco máis preto dos postos de cabeza".