Aguas de Mondariz patrocinará a David Cal ata "Río 2016"
Por Redacción
O deportista español con máis medallas olímpicas da historia, David Cal, conta dende este mes co patrocinio de Aguas de Mondariz. A marca galega e o piragüista asinaron un acordo de patrocinio para as dúas próximas tempadas, con opción a outras dúas. Aguas de Mondariz contribuirá economicamente á preparación profesional de Cal, para continuar así promovendo a súa espectacular carreira deportiva.
David Cal adestra, día a día, cun claro obxectivo: os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro en 2016. Aínda que motivación non lle falta para conseguir a sexta presea, nos últimos tempos as institucións recortaron notablemente o financiamento económico ao deporte por culpa da crise, e a ilusión do piragüista podería verse truncada. Co seu apoio, Aguas de Mondariz quere contribuír a que un deportista galego, do talle de Cal, se manteña na elite do deporte español e mundial.
Aos seus 30 anos, o especialista en canoa monopraza conseguiu unha medalla de ouro e catro de prata en tres participacións nos Xogos Olímpicos de Atenas (2004); Beijing (2008) e Londres (2012).