Teresa Abelleira debuta na Selección Española sub-16 con triunfo no Torneo de Desenrolo da UEFA
Por Redacción
Experiencia positiva a vivida pola pontevedresa Teresa Abilleira no Algarve no Torneo de Desenrolo da UEFA.
A futbolista da Agrupación Juvenil de Lérez debutou na Selección Española sub-16 participando nos tres partidos dunha competición que se desenvolveu no Algarve (Portugal) e na que o combinado nacional resultou vencedor tras superar con 8 puntos a Alemaña (7), Holanda (3) e Escocia (0).
Abilleira, que acudiu recentemente á súa primeira concentración ás ordes do seleccionador Pedro López, entrou no minuto 40 de partido no choque inicial ante Escocia, no que España venceu por un claro 6-0.
No segundo encontro, ante Alemaña, tamén partiu dende o banco substituíndo a Leyre Monente aos 55 minutos de xogo. O partido finalizou con empate a un gol decidíndose a favor de España dende o punto de penalti.
A competición pechouse cun triunfo por 2-0 ante Holanda con Teresa Abilleira como titular, xogando 62 minutos ata que entrou no seu lugar Lorena Navarro.