Santi Domínguez descartado para recibir o Villalonga. Iago Paz volve ser dúbida
Por Ramiro Espiño
Accidentada xornada de adestramento para o Pontevedra. A intensa choiva caída nas últimas horas deixou en moi mal estado o escenario habitual de Príncipe Felipe, obrigando a Milo Abelleira a trasladarse cos seus homes ao campo número dous da Xunqueira, escenario de herba sintética, ben distinto na súa superficie ao que se van encontrar o domingo, nun Pasarón que, polas previsións, estará máis ben brando.
Pero a peor noticia foi contrastar que a evolución de Santi Domínguez non está a ser satisfactoria, ata o punto de que o técnico o descarta por completo para enfrontarse ao Villalonga: "Santi non vai chegar a tempo -dixo Milo-, por iso ensaiamos cos dous dianteiros dispoñibles, Stefan e Javi Pazos, xa que Richi tampouco puido adestrarse por motivos de exames".
Ademais das ausencias no ensaio de Santi e Richi, aínda que este si poderá xogar, Milo encontrouse de novo con outros dous xogadores con problemas físicos, Iago Paz, ao que de novo lle volveron as molestias nos isquiotibiales que xa lle obrigaron a parar dúas xornadas, antes do partido de Ferrol, e que por precaución aconsellaron que abandonase o adestramento antes de tempo, así como Fran Fandiño, que cada vez que adestra en superficie dura se resente da doenza de pube que arrastra dende principio de tempada.
Aínda así, o técnico confía en que tanto Iago coma Fran estean en condicións de xogar, o mesmo que Moisés Pereiro, que foi a única nota agradable da sesión, ao completar o adestramento sen resentirse da elongación muscular nun xemelgo que lle impediu xogar en Ferrol, polo que a súa reaparición fronte ao Villalonga se pode dar por segura.