Nicolás Argibay (Taekanart), elixido como mellor competidor do Campionato Galego de Combate
Por Redacción
Positivo balance para Mace Sport, Taekanart e Mat's de Marín no Campionato Galego de Combate celebrado a pasada fin de semana en Lugo coa participación de case 120 deportistas.
O pontevedrés Nicolás Argibay foi elixido como o mellor competidor masculino do evento tras vencer no peso mosca, no que se impuxo na final á alma máter do Mace Sport, Miguel Cortegoso.
En categoría feminina ese recoñecemento recaeu en Sara García (Dobok), nunha cita que serve para conformar a selección galega que participará no próximo Campionato de España.
Por equipos o gañador absoluto foi o Natural Sport de Ribeira, co Mace Sport no segundo lugar e o Mat's no terceiro.
A título individual Carlos Rubén Simón (Mace Sport), Uxía Ogea (Mace Sport), Sara Cortegoso (Mace Sport), Rubén Troitiño (Mat's) e o citado Nicolás Argibay lograron o ouro nas súas respectivas categorías, mentres Miguel Cortegoso (Mace Sport), Luis Reiriz (Mat's), Pablo Fernández (Mat's) e Damián Garrido (Mat's) foron prata e Javier González (Mace Sport), ÿscar Peón (Mace Sport) e Salvador González (Mace Sport) colgaron o bronce.
Ademais o Mace Sport recibiu o premio ao xogo limpo.