Liderado para o Club Voleibol Pontevedra tras derrotar a domicilio (1-3) o Zalaeta coruñés
Por Redacción
O Club Voleibol Pontevedra logrou unha importante vitoria esta fin de semana. As rapazas do equipo de Segunda División derrotaron a domicilio unha das súas rivais directas polo liderado da liga. Venceron por 1-3 ao Zalaeta coruñés.
A pesar da contundencia do resultado, foi un partido duro para as pontevedresas. Comezaron o encontro con confianza e grazas á súa contundencia no ataque, impediron que o conxunto local apenas puidese facer fronte ao seu xogo. Así, o Club Voleibol Pontevedra adxudicouse os dous primeiros sets por 15-25 e 21-25.
A relaxación das pontevedresas no terceiro set fixo que o Zalaeta acurtase distancias cun parcial de 25-22, pero na cuarta manga as visitantes colleron novamente o temón do encontro e pecharon o partido cun axustado 23-25.
Con este resultado, o Club Voleibol Pontevedra alcanza o liderado da Segunda División A ao sumas seis vitorias en sete partidos.
A próxima fin de semana as pontevedresas recibirán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o VoleyOurense, outro dos grandes favoritos da liga. Actualmente son segundos na táboa. Gañaron os seis partidos que disputaron.