Falece Gato, porteiro do primeiro ascenso do Pontevedra a Primeira División
Por Ramiro Espiño
A noticia coñeceuse en plena disputa do partido entre que o fora o seu equipo, o Pontevedra, e o Rápido de Bouzas. Cando pola megafonía do estadio se anunciaba o falecemento de Gato, o que foi porteiro granate no ano do primeiro ascenso a Primeira División, os afeccionados quedaron impresionados.
Javier María Gato Iguiñez deixaba de existir este domingo deixando unha profunda pegada entre as numerosas persoas que lle coñeceron, tanto na súa etapa como futbolista, como sobre todo posteriormente.
Gato chegou ao Pontevedra, procedente do Ourense, na tempada 1960/61, a do debut do club granate en Segunda División, con Cuqui Bienzobas como adestrador e Miguel Domínguez Rodríguez, como presidente, e formaba parte do equipo que conseguiu o histórico primeiro ascenso a Primeira División, na tempada 1962/63, ás ordes do mesmo presidente, Miguel Domínguez Rodríguez e con Rafa Yunta Navarro como técnico.
Daquel equipo, cuxa aliñación moitos afeccionados de soleira recitan de memoria, o equipo máis habitual era o formado por Gato; Firi, Calleja, Cholo; Pastor, Vallejo; Recalde, Ceresuela, José Jorge, Iglesias e Ferreiro.
Tras esa primeira tempada na máxima categoría, Gato causaría baixa no Pontevedra ao finalizar esta, tras o descenso a segunda, pero seguiu sempre vinculado á cidade do Lérez, onde viviu e se estableceu ata o momento do seu falecemento.
A casa mortuoria instalouse nas Salas Velatorias Vírgen del Camino, na rúa Loureiro Crespo, e a condución do cadáver terá lugar este luns, ás 15:45 da tarde, dende as devanditas salas velatorias ata a Basílica de Santa María la Mayor, onde igualmente se celebrarán os funerais o martes, día 9, ás 19:00 horas.