Gañar e convencer, obxectivo do Pontevedra fronte ao modesto Bertamiráns
Por Ramiro Espiño
Dous puntos en once partidos de liga. Dous empates (ambos os dous no seu terreo de xogo) por nove derrotas. Oito goles a favor (xunto con Laracha, Silva e Bergantiños os menos efectivos da categoría), por 23 en contra (os máis goleados). Son os números do Bertamiráns, actual último da clasificación e próximo visitante do Pontevedra en Pasarón (domingo, 17:00 horas), nun partido que será dirixido polo colexiado vigués José Luis González Sobrado, que estará auxiliado nas bandas por José Antonio Lorenzo Álvarez e David Martínez Barciela.
Os antecedentes de enfrontamentos entre ambos os dous equipos limítanse á pasada tempada, con senllas vitorias mínimas (1-0 e 0-1) nos dous partidos disputados. Pero a situación cambiou moito, especialmente no equipo coruñés, que viu notablemente reducido o seu potencial deportivo con respecto ao ano anterior, véndose obrigado a tirar de canteira ou a incorporar xogadores en fase de formación, entre os que se encontran algúns saídos precisamente das filas granates, casos de Puyi, Bruno e Jaime Trigo.
Por se fose pouco, o seu técnico, Raúl Bralo, non poderá contar co defensa Alejandro Otero, sancionado por acumulación de amoestacións.
Todo apunta, polo tanto a un partido cómodo para o equipo de Luisito, que debería aproveitar para seguir escalando postos e meterse no pelotón de cabeza, se os resultados noutros campos lle axudan, antes de afrontar as "etapas de montaña" cos choques fronte a rivais de maior esixencia, como Barbadás, Arosa, Choco, Rápido de Bouzas, As Pontes, Alondras e Cerceda, que é a complicada folla de ruta que resta aos granates ata o final da primeira volta.
Os pontevedreses realizaron o último adestramento da semana, como vén sendo habitual, na tarde do venres no sintético da Xunqueira. Luisito segue sen non poder contar con Fran Fandiño, optando por facer un único cambio con respecto á convocatoria de Laracha ao dar entrada a Tomás por Pablo, que volve quedar fóra xunto con Anxo e Luismi.
Deste xeito, os 16 xogadores convocados son: Edu, Lloves, Adrián, David Feito, Capi, Campillo, Kevin Presa, Pedro García, Jacobo, Mouriño, Tomás, Benja, Tubo, Pablo Carnero, Centrón e Jorge.