Moisés Pereiro: "Tiña moitas ganas de xogar en Ferrol, pero non creo que poida"
Por Ramiro Espiño
Xornada de descanso a do xoves para o equipo do Pontevedra, que volverá ao traballo o venres co fin de ultimar a preparación do partido fronte ao Rácing de Ferrol. Xornada que o técnico, Milo Abelleira, aproveitou para desprazarse a Cangas e presenciar o partido adiantado á xornada entre Alondras e Cerceda.
A principal preocupación do técnico granate é saber se poderá contar cos xogadores que arrastran diversos problemas físicos e dos que dependerá en boa medida o equipo que opoña ao intratable líder da categoría. Todo apunta a que non haberá problemas con Iago Paz, que debe estar en condicións de reaparecer, como tampouco os haberá con Richi e Cristóbal Juncal, con lixeiras molestias. Outro caso ben distinto é o de Moisés Pereiro.
O xogador tivo que poñerse nas mans do médico do club, Alberto Domínguez, e el mesmo comentábanos o seu estado físico e anímico:
- Díxome Alberto que teño unha microrrotura no xemelgo esquerdo, pero que teremos que facer probas para saber o seu alcance.
Cando che farán esas probas?.
- Mañá mesmo (venres), ás 10 estou citado para facer unha ecografía. Logo dirame se podo xogar ou non, porque neste tipo de lesións, se se confirma o da microrrotura, hai que ir con precaución para non as agravar.
Pero ti como estás, que sensacións tes?.
- Moléstame bastante, a verdade. Ogallá mellore pero agora mesmo non son moi optimista. Estou a poñerlle xeo e antiinflamatorios e non queda máis que esperar ás probas. Despois do adestramento do mércores estaba afundido, porque foi na última xogada do ensaio, un choque parvo con Iago Paz, e me fode especialmente porque estiven tres anos en Ferrol e por iso tiña unhas ganas especiais de xogar este partido e gañalos, claro. Ademais, é dos partidos que a todos nos gusta xogar.
Será difícil, non?.
- Home, eles están nun momento impresionante, e son un equipo grande, con moita calidade, pero tamén deixan xogar. Ademais, este tipo de partidos, fronte a equipos de arriba estánsenos a dar ben. Non temos nada que perder e xogaremos sen presión. Se gañamos metémonos aí, de cheo, e será ademais unha dose de moral, así que iremos a por todas. Se non xogo eu, seguro, que os meus compañeiros o farán ben.