Escasa recompensa para o Pontevedra que perdoa demasiado (0-0) fronte a un Laracha loitador
Por Ramiro Espiño
Pouco fútbol. Demasiado pelotazo. Primeiro tempo entregado ao fútbol que conviña ao rival. Foron as tres claves dun partido que rematou con empate sen goles entre Laracha e Pontevedra, no que os granates volveron perdoar claras ocasións para levarse os tres puntos, pero tamén concederon outras que lle puideron custar moi caras, poñendo de manifesto as dicultades dun equipo con graves carencias na construción e na finalización.
De saída Luisito optou polo músculo, sacrificando a creatividade. Así, tendo en conta as reducidas dimensións do campo, deixou fóra do once inicial a Jacobo dando entrada a Pedro García, para que formase un dobre pivote de contención e forza co que anular o fútbol directo do contrario, volvendo ao clásico 4-2-3-1 no que Centrón ocupaba a banda en lugar do lesionado Anxo, ademais de manter a confianza en Edu para situarse baixo paus.
As consecuencias foron dúas formulacións similares en canto á disposición táctica de ambos os dous equipos, se ben o Laracha cedía metros e balón aos granates, buscando a posibilidade dunha contra coa velocidade de ÿscar Martínez, ou algunha acción a balón parado, que son as súas principais armas.
Máis pendentes de atender ás coberturas defensivas que de buscar o marco rival, os de Ambrosio Oróns conseguiron non obstante levar o partido ao seu terreo durante boa parte do primeiro tempo. Coa "chuvia de meteoritos" en que uns e outros converteron o choque, os locais estaban máis a gusto que un conxunto granate incómodo nesa faceta, pero que non lle volvía a cara á pelexa.
Ninguén se complicaba na elaboración. Ninguén, tampouco, asumía riscos. A consecuencia foi que as portarías parecesen simples adornos, aínda que a inicitiva era para o Laracha, máis familiarizado cun fútbol (por chamalo dalgún xeito) rústico e desagradable para a vista.
As ocasións, mesmo os intentos de disparo, fixéronse esperar. Puido adiantarse o Laracha (minuto 27), tras un centro dende a dereita que se como Adrián no segundo pau, deixando morto o balón para Denís. Con toda a portaría á súa disposición, o atacante local rematou frouxo e Edu salvou milagrosamente.
Pouco, pero foi o único destacable ata que entramos nos últimos cinco minutos, momento en que por fin apareceu o Pontevedra en ataque. Primeiro cunha xogada para a polémica. Mouriño puxo un excelente balón (minuto 43). Pedro García baixouna de cabeza para a chegada de Jorge, que bateu a Paco. O árbitro invalidou o gol a instancias do seu asistente por un fóra de xogo de Pedro García, que non o pareceu.
E a segunda foi para Pablo Carnero, no último suspiro do primeiro período. Un centro dende a dereita de Kevin Presa, mide mal na saída Paco e Pablo Carnero anticípase, pero o seu remate de cabeza vaise rozando o poste, coa portaría desgornecida.
A falta de bo fútbol, uns e outros puxeron intensidade na disputa. A dúbida era se o Laracha aguantaría o forte ritmo na reanudación ou se o Pontevedra, con máis espazos, acabaría impoñendo a superioridade que se lle supón.
Os comezos da segunda parte deixaron claro que algo cambiara. Os locais deron un paso atrás e o campo comezou a inclinarse, do lado visitante, malia que o Laracha sería o primeiro en avisar, nun remate de ÿscar Martínez, tras gañar as costas dos centrais, que Edu rexeita cos pés.
Pedro García encárgase da resposta, nunha boa combinación de ataque. O seu remate dende a frontal marcha fóra por moi pouco.
As dous seguinte accións de perigo, unha en cada área, terían o mesmo protagonista, o granate Mouriño, que primeiro salva baixo paus un remate de Denís, con Edu batido, tras unha acción a balón parado do Laracha (minuto 59) e deseguido remata de volea un pase de Pablo Carnero (minuto 60), que saca, tamén baixo paus, o central Roberto, cando o disparo superara a Paco.
A partir de aí dominio total do conxunto visitante, ante un Laracha ao que o empate lle sabía a gloria. E conseguiuno porque os granates seguen necesitando dez ocasións para facer un gol, fallando o infallable, como por exemplo Tubo, que dispuxo da ocasión máis clara que se pode ter en moito tempo. Corría o minuto 78 cando recibe un balón, completamente só ao bordo da área pequena. Tan doado tíñao que se enche de balón e o estrela na cruceta.
Tampouco acertou Pablo Carnero, que segue achegando tanto traballo coma problemas de puntaría. Un remate seu se foi alto. Outro (minuto 82) marchou fóra, en boa ocasión.
Co Laracha pedindo a hora, o Pontevedra acumulou corners e faltas laterais, sen encontrar o remate que lle dera os tres puntos, tendo que conformarse cun empate que sabe a moi pouco. E é que o Pontevedra se fixo acredor a máis, sendo de destacar a loita e entrega de todos.
LARACHA CF (0): Paco (1); Fandiño (1), Antonio (1), Roberto (2), Pablo Vidal (1); ÿlmer (1), Denís (2); Dani Bea (1), ÿscar Martínez (2), Jorge Rebolo (1); e Brais (1).
Substitucións: Kevin (s.c.) por Dani Bea, minuto 73. Alberto Vía (s.c.) por ÿscar Martínez, minuto 82.
PONTEVEDRA CF (0): Edu (2); Adrián (1), Campillo (2), Capi (2), David Feito (1); Mouriño (1), Kevin Presa (2), Pedro García (1), Centrón (1); Pablo Carnero (2) e Jorge (1).
Substitucións: Tubo (1) por Centrón, minuto 65. Benja (1) por Jorge, minuto 65. Jacobo (s.c.) por Kevin Presa, minuto 87.
Árbitro: David Novás Benavides (Vigo), auxiliado nas bandas por David Veloso Prado e Zulema González González. Amoestou a ÿscar Martínez, polo Laracha, e a David Feito e Kevin Presa, polo Pontevedra.
Incidencias: Campo Municipal (A Laracha). Uns 150 espectadores.