O Municipal da Laracha, principal temor do Pontevedra
Por Redacción
Dous equipos necesitados de sumar os tres puntos. Dous rivais pelexando por obxectivos diametralmente opostos. O Laracha busca romper o seu xeira negativa de resultados, que se prolonga xa ata sete xornadas sen conseguir o triunfo, para saír dos postos de descenso. O Pontevedra intenta lograr a súa terceira vitoria consecutiva que lle achegue máis ou lle meta de cheo nos postos de play-off.
Ambos os dous enfróntanse no Municipal da Laracha (domingo, 18:00 horas), baixo a dirección arbitral do colexiado vigués David Novás Benavides, que estará auxiliado nas bandas por David Veloso Prado e Zulema González González.
O conxunto local non gaña dende o 7 de setembro, na xornada terceira, cando se impuxo ao Bertamiráns por 2-0. Dende entón, os rivais que pasaron polo seu campo lograron puntuar, aínda que nalgúns casos con bastantes dificultades, con empate sen goles fronte ao Arosa e derrotas ante Rápido de Bouzas (0-2) e Alondras (0-1).
E ese precisamente é o principal temor de Luisito, as condicións do escenario do partido. Un campo de herba sintética en non moi bo estado e de reducidas dimensións, que non permite descoido ningún, como así se expresaba o técnico granate ao termo do último adestramento semanal, realizado na Xunqueira: "O Laracha é un equipo complicado porque leva creo que son sete partidos sen conseguir gañar. Ese é un problema. Despois, enfróntase ao Pontevedra que é unha motivación extra para eles. Cos equipos grandes, salvo o outro día o Cerceda, rendeu a un bo nivel. Pero sobre todo o que máis me preocupa é o campo. Temos que adaptarnos o máis rapidamente posible, amolaríame que non o fixésemos porque adestramos nun así aínda que estea mellor que o do Laracha. Parece que vai chover e fará vento, pero contra iso estamos preparados. O que non lle perdoaría nunca a un futbolista é que en condicións iguais, nós temos que ser mellores. Se estamos como temos que estar estou convencido de que imos gañar, pero respectando sempre moito o rival, sendo máis fortes ca eles a nivel mental".
Luisito "Agora mesmo, se este partido se xogase nun campo de herba natural estaría moi tranquilo"
Luisito, sen querer poñer escusas, seguiu expresando o seu pouco agrado por este tipo de superficies. "Os campos de herba artificial non me gustaban nada sendo futbolista e agora de adestrador sigo pensando o mesmo. Para formación son perfectos, pero para disputar partidos de máximo nivel, a partir de Terceira División non me parecen adecuados, por moi ben que estean, que ademais non é o caso, porque o de Laracha non está ben. Agora mesmo, se este partido se xogase nun campo de herba natural estaría moi tranquilo, pero nestas condicións iguálanse moito as forzas, porque é un campo pequeno,".
Iso si, a pesar das dificultades, o técnico granate sabe que deben saír a gañar: "O equipo está preparado e imos a polos tres puntos, porque se imos a por un ao final vímonos sen ningún. O que trato de transmitir aos meus xogadores é que necesitamos sumar de tres en tres e por ilusión non vai ser, porque non creo que ninguén teña máis ca nós".
O técnico deixa fóra da convocatoria a Tomás, Anxo e Luismi, xunto co lesionado Fran Fandiño
Polo que respecta aos xogadores cos que contará descartado Fran Fandiño, en proceso de recuperación, Luisito decidiu deixar fóra da lista a Anxo, Tomás e Luismi: "Anxo está descartado porque non o vin ben no último adestramento, díxome que tiña molestias e para levar a un futbolista que non estea ao cen por cen, levo aos 16 que creo están mellor para ese partido. Tamén deixo fóra a Tomás e Luismi, que ao final se seguen traballando así comigo, díxeno o primeiro día, tarde ou cedo terán a súa oportunidade".
En consecuencia, os 16 xogadores que viaxarán ata a localidade coruñesa son: Edu, Lloves, Adrián, Pablo, Campillo, Capi, David Feito, Tubo, Kevin Presa, Pedro García, Mouriño, Centrón, Jacobo, Benja, Pablo Carnero e Jorge.
CONVENIO CO BALNEARIO URBANO SPABÍLATE
O club granate asinou un convenio co balneario urbano Spabílate, polo cal o primeiro equipo poderá acudir ás súas instalacións dous días ao mes.
Ademais, os socios da entidade beneficiaranse de descontos que chegan ao 50% no caso do circuíto termal.