O Barco asalta O Carrasco (1-2) e leva os tres puntos ante un Marcón que mereceu mellor sorte
Por Alejandro Espiño
Excesivo premio encontrou o CD Barco na súa visita ao campo do Carrasco. Os ourensanos levaron tres valiosos puntos tras derrotar o Marcón por 1-2. Os homes de Carlés, que encaixaron ambos os dous goles por culpa de senllos despistes defensivos, mereceron un mellor resultado. Controlaron o xogo durante case todo o partido, pero faltoulles o máis importante, definir ante a portaría dun rival que soubo aproveitar as súas ocasións.
E iso que o encontro se lles puxo de cara moi pronto. No minuto 16 adiantáronse no marcador. Tras recuperar Rodri un balón no medio de campo, os pontevedreses despregaron un ataque moi rápido que pillou os xogadores do Barco a contrapé. Despois de varias combinacións que lles permitiron superar á zaga visitante, o balón chegaba aos pés de Arturo, que batía sen problemas a Macía.
Dez minutos despois chegaba o empate do Barco. Joaquín lograba rexeitar un forte lanzamento de Brais, que libre de marcas recibira o balón ao bordo da área pequena. Pero a defensa do Marcón non acertou a despexar a pelota e o rebote aproveitábao o capitán visitante, Rivadulla, para establecer o 1-1 no marcador.
A diferenza doutras ocasións, o gol non afectou animicamente aos pontevedreses. E Sapi primeiro e Aarón despois, con senllos disparos ao bordo da área, lanzaron o balón fóra por moi pouco. Tras o descanso, seguiu a tónica do partido. O Marcón, ben situado no campo, parecía controlar doadamente a un rival que prefería encerrarse no seu campo e encomendarse a buscar un bo contraataque.
Así foi, precisamente, como chegaba o 1-2. Aos catro minutos de comezar a segunda parte, o Barco sorprendía cun rápido contraataque pola banda de esquerda e Carlos lograba bater a Joaquín. A partir de aí, só houbo un protagonista sobre o campo. Grazas a Gelillo, Baptiste e Martín, cuxas saídas deron unha maior velocidade ao ataque local, o Marcón achegábase con relativa facilidade á área ourensana, pero sen crear sensación de perigo.
O empate puido chegar grazas a un remate de Rodri a centro de Sapi que, a duras penas, despexou Macía; e sobre todo, no minuto 65. Un disparo de Arturo golpeaba un defensa do Barco e o balón ía fóra por moi pouco. Houbo tempo tamén para que os xogadores do Marcón reclamasen un posible penalti sobre Gelillo, que caeu dentro da área a seis minutos do final. O árbitro tívoo claro e ordenou que seguise o xogo.
Con este resultado, o Marcón sitúase undécimo na clasificación con oito puntos. O seu seguinte partido será o próximo domingo contra o Alertanavia en Vigo.
MARCÿN ATLÿTICO (1): Joaquín, Marcos, Álvaro, Valiñas (Baptiste, minuto 58), Rodri, Héctor, Racha (Yago, minuto 71), Arturo, Sapi (Martín, minuto 58), Aarón e Zalo (Gelillo, minuto 58).
CD BARCO (2): Macía, Marcos (Pablo Vega, minuto 89), Guntiñas (Ramos, minuto 65), Lamas, Rivadulla, Pablo Couzo, Dani Arias, Brais (Diego Tato, minuto 86), Javi Recamán, Gero e Carlos.
Árbitro: Elespe Tireaux, auxiliado nas bandas por García Martín e Teijeiro Fernández. Amoestou aos locais Racha, Arturo, Gelillo, Martín e Batiste; e ao visitante Rivadulla.
Goles: (1-0) Arturo, minuto16. (1-1) Ribadulla, minuto 26. (1-2) Carlos, minuto 49.
Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada do grupo sur da Rexional Preferente, disputado no campo do Carrasco (Marcón). Uns 200 espectadores.