O Cisne arranxa na segunda metade os seus erros para rematar impoñéndose (29-22) ao BM Cañiza
Por Redacción
Complicouse a vida innecesariamente o Cisne no seu partido ante un recén ascendido como o BM Cañiza, que dominou durante todo o primeiro tempo, aproveitando o despiste colectivo que parecía ter o equipo que dirixe Edín Covelo, quizais como consecuencia dos actos previos ao partido, nos que o club pontevedrés aproveitou para facer a presentación oficial de todos os seus equipos.
Fose ou non esta a razón, o certo é que un equipo notablemente inferior individual e colectivamente ao Cisne lle complicou o partido, chegando a dispoñer de ata tres goles de renda e conseguindo marchar ao descanso por diante no marcador.
Sería tras o paso polos vestiarios cando os pontevedreses espertaron para poñer as cousas no seu sitio. Pablo Galán na portaría e Pablo Rey cos seus lanzamentos, fixeron posible un parcial de 6-1 que daría a volta ao resultado, para chegar a uns últimos quince minutos nos que os de Edín Covelo foron comodamente ampliando a súa renda, aínda sen realizar un bo partido.
BM CISNE (29): Toño Lafuente, Pablo Galán; Edu Covelo (2), Álex Chan (1), Pablo Picallo (3), Andrés Sánchez (3), Rafa Dasilva (1), Miguel Simón (3), Javi Vázquez (4), Carlos Rodríguez (2), Santi Cuenca, Pablo Vidal (4), Pablo Rey (6), José Javier Hermida, Pepe Camiña e Dani Puente.
BM PROMENS CAÿIZA (22): Rubén Teijeira; Pablo González (3), Rubén González (1), Rafael Fernández, Daniel Mendes (8), Esteban Martínez (2), Marcos Estévez, Aitor Freiría (5), Manuel Alonso (1), Marcos Carrera, Iván Miguélez, Pablo Álvarez (1), Manuel Álvarez e Adrián Freiría (1).
Árbitros: Tomás Fernández Merino e Omar Fagúndez Pérez (Castela-León). Excluíron por dous minutos a Edu Covelo, Álex Chan, Rafa Dasilva, Miguel Simón (2), Pablo Vidal e José Javier Hermida, polo Cisne, e a Esteban Martínez, Aitor Freiría (2) e Adrián Freiría (2), ademais do técnico, Alberto Miguélez, polos visitantes.
Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 4-4, 6-7, 7-10, 10-12, 11-13 (descanso), 14-14, 17-14, 20-18, 23-19, 25-20 e 29-22 (final).
Incidencias: Pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (Pontevedra). Uns 80 espectadores.