Pontevedra, cidade de piragüistas
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo render homenaxe aos piragüistas pontevedreses que acudiron ao recente Mundial de Augas Tranquilas de Moscú.
Alí estiveron o padexeiro lerezano do Piragüismo Poio Adrián Sieiro, segundo na final B do C-1 500, e as deportistas da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, que alcanzaron a final do C-2 500 finalizando en noveno lugar.
Jenifer e Raquel afirmaron que o seu principal obxectivo para 2015 pasa por clasificar a embarcación de novo para o Campionato do Mundo e intentar mellorar o posto de finalista alcanzado hai escasas semanas.
A súa disciplina non é olímpica, pero si o C-1 200 no que Adrián Sieiro espera chegar a Río 2016. Para iso o pontevedrés deberá impoñerse a un duro rival como Sete Benavides no control selectivo previo ao Mundial, e unha vez alí clasificarse entre os seis primeiros se quere lograr o billete, un obxectivo difícil pero "que hay que intentar", recoñeceu o piragüista, de só 21 anos e que afrontará o próximo ano a súa última tempada como sub-23.