A Milla Urbana de Sanxenxo chega á súa décimo quinta edición
Por Redacción
O próximo domingo 31 de agosto a Milla Urbana Villa de Sanxenxo chegará á súa décimo quinta edición coa intención de volver congregar centos de atletas nas diferentes categorías.
A concellaría de Deportes abriu o prazo de inscrición e afánase en perfilar todos os detalles da cita, que se desenvolverá como é habitual por un circuíto a través do Paseo de Silgar.
Os deportistas en idade prebenxamín, benxamín e alevín percorrerán 400 metros, os cadetes 800 e os júniors, sénior e veteranos completarán os 1.609 metros da milla.
Os gañadores na categoría de federados pelexarán ademais por cinco premios en metálico que van dende os 500 euros do gañador ata os 25 euros do quinto clasificado.
Aínda que as persoas interesadas en participar poderán anotarse o mesmo día da proba na avenida Luis Rocafort ata minutos antes das 12:00, hora de saída da primeira carreira, dende o goberno local recomendan adiantar o trámite a través da dirección de correo electrónico deportes@sanxenxo.org, chamando ao número de teléfono 986 727 936 ou persoalmente no Pazo Emilia Pardo Bazán.