Laura Montes (Triatlón Galaico), campioa galega de Acuatlón; Carmen Gómez Cortés gaña en cadetes
Por Redacción
Laura Montes, deportista do Galaico Cidade de Pontevedra, proclamouse este sábado campioa galega de Acuatlón 2014. Foi na proba que se disputou na localidade lucense de Parga (Guitiriz), onde sumadas todas as categorías participaron case 200 atletas.
A pontevedresa foi moi superior ás súas rivais, grazas ao segmento da natación, e completou a proba en 36:21. Foi dende o principio en cabeza, aínda que no primeiro sector tiña moi preto a Sandra Sobreira (Atletismo Porriño), pero na auga aumentou as distancias e chegou a meta con máis de catro minutos de distancia sobre ela (40:40). Na terceira posición, quedou a júnior Xiana Rendo (Dexter Compostela) cun tempo de 41:53.
As distancias nesta proba da categoría absoluta foron de 2.500 metros de carreira a pe, 1.000 metros de natación e outros 2.500 metros de carreira.
Na proba masculina, a vitoria foi para Crisanto Grajales (Cidade de Lugo Fluvial), que revalidou o título acadado o ano pasado. Cumpriu os prognósticos e chegou na primeira posición a meta (29:09), por diante de Andrés Cendán (Dexter Compostela) que foi segundo (30:15) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse), terceiro (30:25).
O campionato comezou ás 16:30 horas coa saída de benxamíns e alevíns, e segundo as categorías, as distancias eran diferentes. Así os benxamíns e alevíns tiveron que facer 500 metros de carreira a pe, 200 metros de natación e 500 metros de carreira a pe. Os infantís percorreron 1.000 metros, 400 natación e 1.000 metros, mentres que as distancias da categoría cadete foron 1.500 metros, 500 natación e 1.500 metros.
Na proba cadete feminina, que tivo un altísimo nivel coas mellores deportistas do estado español en liza, o triunfo final foi para Carmen Gómez Cortés, nadadora do Galaico que competía co Triatlón Ferrol. A pontevedresa xa se proclamara recentemente campioa de España de tríatlon da categoría.