Ao asalto do fortín de San Lázaro. O Pontevedra quere frear un Compostela lanzado
Por Ramiro Espiño
Será sen dúbida, xunto co CD As Pontes-Celta B, o partido máis interesante da xornada na terceira división galega. O choque que enfronta á S.D. Compostela co Pontevedra, C.F. (Sán Lázaro, domingo 25, 17,00 horas, con arbitraxe do colexiado vigués Rubén Extremadura Hernández), contén todos os alicientes para ser considerado un dos máis atraentes do ano.
Enfróntase un equipo absolutamente en refacho (catro vitorias consecutivas dende o relevo producido no seu banco, coa chegada de Fredi) e intratable no seu campo, onde tan só cedeu un empate (Deportivo B), en seis partidos disputados, pero o que é máis preocupante aínda para os seus rivais: unicamente un deles, o Alondras, foi capaz de perforar a portaría defendida polo ex do Pontevedra, Adrián Laureda, iso si, os de Cangas fixérono en tres ocasións, pero esa especie de "afronta" custoulles recibir nada menos que oito goles.
Un total de 17 goles a favor e só eses 3 en contra. Cifras para impresionar a calquera rival e máis se van acompañadas das que suma o seu máximo artilleiro, Joselu, que encabeza a táboa de goleadores con 16 dianas (tan só unha menos que as que logrou sumar todo o Pontevedra no que levamos de liga).
Pero lonxe de intimidarse, os granates acoden ilusionados con ser os primeiros en asaltar o fortín compostelán. Ademais, o equipo pontevedrés ten ganas de romper a dinámica que o levou a non saborear os meles do triunfo a domicilio dende a terceira xornada de liga (Cerceda, o 8 de setembro), e por primeira vez en moito tempo o técnico, Milo Abelleira, ten á súa disposición á totalidade do equipo, o que o obrigou a realizar descartes na convocatoria.
Fredi, pola súa banda non poderá contar con Tachi, Peláez, Rendo e Franqueira, se ben os dous primeiros non xogaran xa as últimas semanas, si o central Rendo, afectado de papeiras, e o mediapunta Franqueira, que sufriu un golpe no partido da semana pasada, fronte ao Narón, do que non se recuperou.
O Pontevedra realizou o último ensaio previo ao choque o sábado, en sesión matinal, en Pasarón, tras o cal Milo facilitou a lista de convocados que está integrada por: Lloves, Lorenzo, Adrián, Caco, Sestelo, Pablo, Nano, Cristóbal Juncal, Iago Paz, Moisés Pereiro, Fran Fandiño, Jacobo, Tubo, Breogán, Stefan, Richi e Santi Domínguez. En total 17 xogadores, dos que o técnico deberá descartar un nos vestiarios de San Lázaro.
Santi Domínguez traballará pola mañá e xogará pola tarde
Precisamente Santi Domínguez viaxará a Santiago á marxe do grupo ao ter que traballar pola mañá, incorporándose ao equipo directamente en San Lázaro. O dianteiro granate restaba importancia ao "duelo de artilleiros" que se espera entre el e Joselu: "Iso é o de menos, quen vai gañar entre el e min, o que importa é o partido, gañar os tres puntos e quen marque é o de menos". Santi mostrábase optimista a pesar das dificultades do partido: "ÿ un campo difícil, si, pero tamén é un campo amplo e iso a nós favorécenos polo noso estilo, por iso eu penso que imos sacar un bo resultado".
Durante a semana, Milo probou alternativas, unha delas a de adiantar a posición de Iago Paz situándoo máis preto dos dianteiros. Con respecto a esa posibilidade, o xogador indicaba: "O míster está a probar cousas novas. Non sei se xogarei máis adiante ou non, pero se hai que facelo por min non hai problema, xa que é o sitio onde levo xogando case toda a miña vida,". Con respecto ao rival e especialmente a facilidade goleadora de Joselu, Iago comentaba: "Certo que leva uns números incribles, pero o Compos non é só Joselu, teñen xogadores de moita calidade que teremos que suxeitar ben. Nós imos saír a gañar, como o facemos en todos os campos, sen preocuparnos do refacho que levan, ademais, xa tócanos gañar fóra, que levamos "moito" sen conseguilo.