O Leis conquista a Copa de Terceira División para pechar unha brillante tempada
Por Redacción
Broche de ouro para a tempada do Leis Pontevedra, que tras o campionato e consecuente ascenso a Segunda B logrou alzar a Copa de Terceira División.
O conxunto lerezano, que dobregara ao 5 Coruña na semifinal, impúxose no partido definitivo ao filial do Santiago Futsal por dous goles a cero.
Os de Manu Cossío afrontaron o partido con moitas ganas ante un Pavillón Municipal dos Deportes que presentaba un bo ambiente.
O partido non foi sinxelo, pois o Santiago B resultou un rival moi correúdo. A pesar diso o Leis logrou dominar o xogo adiantándose pouco antes do descanso por medio de Gustavo.
Pablo Durán, a tres minutos da conclusión, fixo o segundo tanto para asegurar o título nunha tempada brillante dos pontevedreses.