O Froiz incorpora ao estradense Álex Marque mentres non se soluciona o seu expediente sancionador
Por Diego Espiño
Reforzo de luxo para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, que incorpora ás súas filas momentaneamente o ciclista profesional Álex Marque.
O deportistas estradense encóntrase nunha situación de incerteza, sen poder competir nun equipo profesional, tras pasar un control antidopaxe con resultado positivo na pasada Volta a Portugal, que supuxo o maior triunfo da súa carreira e a súa fichaxe polo Movistar Team.
A noticia sobre o positivo motivou a cancelación deste contrato, a pesar de que Marque mantén a súa inocencia asegurando que se tratou dunha lesión no xeonllo con prescrición médica e coñecemento da Unión Cilcista Internacional (UCI).
Ante esta situación, e coa intención de manter a forma ata que a Federación Española se pronuncie sobre o caso, o ciclista chegou a un acordo co Froiz.
Polo momento, segundo recoñece Evaristo Portela, o trato é "solamente para la Gande Premio Abimota de Portugal" dos días 9 e 10 de xuño, na que a escuadra alimenticia competirá con equipos de categoría Continental.
"La verdad es que nos viene muy bien porque hay una crono de 7 kilómetros", declarou Portela, quen engadiu tamén que esta vinculación pode prolongarse nos próximos meses.
Pola súa banda Álex Marque, a través do seu perfil de Facebook, xustificou esta decisión na necesidade de correr despois de ser "sentenciado antes de ser xulgado, así que non me vou quedar de brazos cruzados". "O único que busco con esta decisión é correr e buscar a posibilidade de facer a Volta a Portugal", declarou o estradense.
O FROIZ MANTENSE Á FRONTE DO RANKING NACIONAL
O equipo dirixido por Evaristo Portela mantense, a metade de tempada, á fronte do Ranking Nacional por equipos en categoría ÿlite e sub-23, unha clasificación na que se impuxo nas últimas seis tempadas.
O Froiz conta actualmente con 2.150 puntos polos 2.102 do Valencia Terra i Mar e os 1.973 do Mutua Levante.