Remontada do Arosa (3-2) para despedir a liga e mandar a Preferente ao Betanzos
![Manolo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/530b88a28d31a-img-20140224-wa0000.jpg)
Por Manolo Reiriz
Chegaba o Betanzos cunha premisa clara, saír ao ataque e intentar coller vantaxe no mercador. A súa situación na táboa obrigáballe a conseguir a vitoria en Vilagarcía e confiar en que o resto dos resultados da xornada lle acompañasen para polo menos eludir o descenso directo e quedarse coa praza de arrastre á espera dun ascenso dalgún dos participantes no play-off, para manter a categoría.
Non o conseguiu, a pesar de que o partido non puido comezar mellor para os seus intereses, pois aos cinco minutos e grazas a un excelente tiro dende fóra da área de Tomy se poñía por diante no marcador.
O Arosa estaba desaparecido na primeira parte, e comezou aínda peor a segunda, cun Betanzos que facía o segundo nunha xogada rocambolesca na que se combinan o fallo estrepitoso do porteiro local e un dobre rebote que deixa aos pés de Piquer para marcar a porta baleira.
Non obstante, estaba visto que nada ía impedir que a tarde aguase a festa que o club tiña montada para felicitar a xogadores e afección pola excelente tempada arlequinada na súa volta á Terceira División. Nin sequera a horrorosa actuación do trío arbitral que mandaría aos vestiarios ao técnico local, Piscis, e ao delegado arosista.
Precisamente, con todo perdido, aos 51 minutos, Piscis toma unha decisión pouco habitual, ordenando un triplo cambio, ao dar entrada a Jesu, Ramón e Jonathan, en lugar de Vixo, Juanjo e Eloy. E a reacción foi case inmediata, porque dous minutos máis tarde Rubén Martinez reduce diferenzas, e outros dous minutos despois o gran capitán, Adrián Camiño, facía o empate.
Non se conformaría o Arosa, que encontraba recompensa nos últimos minutos cun novo tanto de Adrián Camiño, que lle daba a vitoria, enviando a Rexional Preferente ao Betanzos. Logo chegaba a hora dos discursos e a festa na Lomba, incluído o churrasco e o viño.
AROSA SC (3): Alberto; Juanjo (Ramón, min. 51), José Ángel, Martín, Munín, Rivas, Rubén, Vixo (Jesú, min. 51), Quique Cubas, Adrián Camiño e Eloy (Jonathan, min. 51).
BETANZOS CF (2): Manu; Cardelle, Vigo, Gonzalo (Chouza, min. 83), Rober, Agulló, Juanma, Tomy, Carballeira, Sergio (Piquer, min. 34) e Cristóbal.
Árbitro: Uxío Caamaño Vázquez (Vigo), auxiliado nas bandas por Elena Casado Fernández e David Penedo Portela. Amoestou a Juanjo, Adrián Camiño e Ramón, por parte local, e a Gonzalo e Carballeira polo Betanzos. Expulsou con vermello directo o adestrador do Arosa, Piscis (min. 69) e ao delegado, Oliveira (min. 73).
Goles: (0-1) Minuto 5: Tomy. (0-2) Minuto 46: Piquer. (1-2) Minuto 53: Rubén. (2-2) Minuto 55: Adrián Camiño. (3-2) Minuto 85: Adrián Camiño.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 650 afeccionados.