Paixón polo baloncesto con Fernando Romay
Por Redacción
Chegou o show, chegou o baloncesto e chegou Fernando Romay ás rúas de Pontevedra. A praza de España converteuse nunha gran pista na que o coñecido xogador compartiu protagonismo cos máis novos nas actividades organizadas como anticipo do Campionato de España de Baloncesto Feminino Infantil que se celebrará na cidade nas vindeiras semanas.
Os actos, que duran toda a fin de semana, estreáronse este sábado co Road Show da Copa do Mundo FIB como principal atractivo. A montaxe instalouse na praza de España cunha cancha de basket, xogos hinchables e o camión articulado que transporta o museo itinerante da Copa do Mundo.
Os xornalistas da cidade tiveron o seu momento de gloria cun partido lúdico nunha das partes da cancha, pero os grandes protagonistas da mañán foron as clases de Fernando Romay e as demostracións de bo facer dos nenos e mozos pontevedreses que se sumaron ás actividades. Durante as primeiras horas os maiores limitaron a súa participación á petición de autógrafos ao famoso xogador, pero pola tarde e o domingo tomarán parte das actividades.
No interior do camión do Road Show os afeccionados poden descubrir ata o luns auténticos tesouros da historia do baloncesto, como o libro de normas de James Naismith, material usado por lendas deste deporte como Dikembe Mutombo e unha gran cantidade de xogos interactivos.
O luns 5, última xornada do espectáculo, celébrase o Día do Baloncesto organizado polo club Arxil, que montará o seu tradicional torneo 3x3 na avenida de Montero Ríos, cun total de 32 pistas de xogo. Agárdase a participación duns 1.000 escolares xunto a 80 profesores e 50 voluntarios.