Derbi e festa para o Poio FS coa visita do Burela FS
Por Ramiro Espiño
A Seca será unha festa. A afección do Poio FS celebrará no derby ante o vixente campión de Liga, o Burela FS, a súa permanencia na máxima categoría, conseguida con catro xornadas de antelación, na tempada do seu debut coas mellores nas que se converteu nun dos equipos revelación polo seu xogo e solidez na maioría das xornadas e fronte a calquera rival cos que se enfrontou.
Pero os afeccionados locais terán que poñer atención ao horario de comezo, que cambia con relación ao habitual, adiantando en media hora o inicio do partido. Será o sábado a partir das 18:00 horas cando as de Marcio Santos afronten un partido sen esixencias, pero con todo o aliciente de enfrontarse a un rival que apura as súas últimas opcións para dar alcance ao líder, Atlético de Madrid, e repetir título ligueiro.
O Burela FS xógaseo practicamente todo. Tras a derrota sufrida a semana pasada ante o Roldán murciano, descolgouse do primeiro posto e non pode permitirse nin un só tropezo máis, polo que chegarán coa absoluta necesidade de sumar os tres puntos.
En fronte estará un Poio FS liberado dos nervios e da obriga de puntuar, o que lles permitirá xogar sen presión, coa única meta de brindar a unha afección que foi clave na gran tempada realizada, un bo partido e a ser posible unha vitoria fronte a un dos mellores equipos da liga.