Peixe Galego, Ence e Concello de Marín asinan un acordo de patrocinio
Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, o presidente do Club Peixe Galego, Luis Santiago Pereira, e o director de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, reuníronse o mércores para selar un pacto pola promoción do deporte en Marín. Como consecuencia do acordo alcanzado, a empresa pasteira achegará 30.000 euros á Federación Española de Baloncesto a través da Fundación Mundial 2014, achega que a converte en patrocinadora do Mundial de Baloncesto 2014 (que se celebrará en España) e que reverterá tamén na celebración do Campionato de España Júnior de Baloncesto, que se disputa a partir do próximo día 4 en Marín.
Ademais, Marín albergará tamén dúas concentracións da Selección Española masculina de Baloncesto sub-18.
Pero o alcance do acordo converte tamén a Ence no principal patrocinador do club Peixe Galego para a próxima tempada. O conxunto marinense pasará a chamarse durante a vixencia do patrocinio, Ence Marín Peixe Galego, levando xa o equipo júnior esta denominación no próximo Campionato de España de Baloncesto.
Tamén, de acordo ás conversacións entre a empresa e o Concello, a empresa situada en Lourizán continuará apoiando a carreira 10 K de Marín, que este verán alcanzará a súa terceira edición. A carreira ten por obxectivo a promoción do deporte na vila marinense, así como a promoción turística do municipio en datas estivais. As dúas primeiras edicións resultaron un éxito, polo que tanto o Concello coma a empresa queren traballar para consolidar a proba.
Para a alcaldesa de Marín, María Ramallo "la apuesta de Ence por el deporte de Marín es una gran noticia para nuestra localidad, tanto al apostar por eventos de gran repercusión como el Campeonato de España de Baloncesto o la +10 Marín, como sus aportaciones a clubes directamente. Es de agradecer que en los tiempos de crisis que corren, la iniciativa privada arrime el hombro para sacar proyectos deportivos ilusionantes adelante".