Jorge Fernández e Tenorio rescinden contrato co Villalonga
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A falta de só cinco xornadas para o final da liga, e ás portas dun partido transcendental, o que terá que xogar o domingo no campo do terceiro clasificado Pontellas, para polo menos acceder a disputar a promoción de terceiros, o Villalonga confirmaba a media tarde do xoves a decisión do club de rescindir o contrato cos seus xogadores Jorge Fernández e Tenorio, despois da reunión que tiveran cos propios xogadores o martes.
A situación de Tenorio, lesionado de gravidade a principios de tempada, impedíralle achegar ao equipo de Julián Ferreiro o que se esperaba del, como fixera en anos anteriores. A rotura de ligamentos sufrida aínda notábaselle en secuelas que lle impedían render con normalidade. Iso, unido ás ganas do xogador de contar con minutos que lle axudasen na súa recuperación, levouno a alcanzar un acordo coa directiva para obter a súa baixa.
Non obstante, o caso de Jorge Fernández é diferente. O máximo goleador do equipo celeste era peza importante, se ben nas últimas xornadas o seu rendemento non estaba a ser o mesmo, e, mesmo aínda que dende o club non se quixo confirmar, algunhas fontes apuntan a cuestións disciplinarias ou de ambiente interno no vestiario, como o motivo principal da súa saída anticipada do Villalonga.