Dani Cadilla salva un punto para o Teucro fronte ao Barakaldo (23-23) nun partido cheo de erros
Por Ramiro Espiño
Cando unicamente se logran oito goles en toda unha segunda parte, difícil resulta gañar un partido. E non o fixo o Teucro, que salvou un punto con moitos apuros ante o Barakaldo, nun partido cheo de erros, imprecisións e mal xogo individual e colectivo.
E menos mal. A actuación de Dani Cadilla en portaría, secundado polo mozo Héctor Gil en dúas accións de sete metros, foron do pouco acertado nun equipo que segue lastrado polas baixas e o cansazo de xogadores claves. Ese bo labor dos porteiros posibilitaron un empate que deixa ao Teucro con escasas opcións de loitar polo ascenso, pero polo menos lles sitúa tamén cun pequeno colchón de seguridade sobre o play-off de permanencia.
Nos primeiros nove minutos de partido o Teucro acumulaba xa cinco perdas de balón en ataque. O equipo azul non conseguía impoñer o seu ritmo, nin tampouco pechar a súa defensa, o que obriga a Javier Barrios a pedir un temperán tempo morto, que non dá resultado. Os locais seguen desacertados nos pases e circulacións, perdendo outros cinco balóns e sumando dez perdas en 14 minutos de partido.
Demasiado lastre que non obstante aproveitaron só a medias os vascos, para conseguir unha renda de tres goles mediado o primeiro período. Dúas intervencións de Dani Cadilla meteron o Teucro no partido. As circulacións empezaron a ser máis fluídas e Borja Pedreira, César Armán e Marcos Dorado, xogando en inferioridade, non só neutralizaban a vantaxe visitante, se non que poñían aos locais con vantaxe de dous tantos (9-7), ao fío do minuto 20.
O Teucro axustara a defensa e puidera correr, movendo (agora si) o balón con soltura, roubando e saíndo con velocidade á contra. As consecuencias foron inmediatas. Un parcial de 6-0 e o marcador pasaba do 4-7 ao 10-7, que facía que agora fose o técnico visitante quen tivese que parar o partido.
Conségueo, pero só a medias, entrando nun intercambio de goles que non evita que o Teucro se vaia ao descanso coa máxima diferencia favorable ata o momento no marcador. Non era mal botín visto como comezara o partido.
Os comezos da segunda parte foron un cúmulo de desacertos. Cos dous equipos rivalizando en ver quen cometía máis erros, os teucristas se levaron a palma e unha dobre inferioridade provocada polas exclusións de Miguel Porto e César Armán, deron aire aos vascos, que se achegaron a só dous goles (16-14, minuto 37). Dani Cadilla e o mozo Héctor Gil, detendo un lanzamento de sete metros nun momento clave, evitaron males maiores.
Apoiado no bo labor en portaría, o Teucro minimizou danos, conseguindo manter a vantaxe entre os dous e os catro goles, malia o atoamento xeral en ataque (só cinco goles marcados en 19 minutos). Pero era xogar con lume. E para evitar queimarse, Javier Barrios pide tempo morto cando o Barakaldo se pon a un (20-19).
E os vascos empatan. O Teucro engade aos seus erros dous lanzamentos aos postes. Nin sequera acerta García Pichel en seis metros. Pero volve aparecer Dani Cadilla e César Armán pon fin á seca, roubando primeiro e marcando despois. 23 minutos custáralle ao Teucro facer o seu sexto gol no segundo tempo.
Héctor Gil volve ser clave noutro lanzamento de sete metros, pero o Teucro segue negado en ataque e permite un novo empate dos visitantes. Marca García Pichel e recupera o Teucro, pero Marcos Dorado, só en seis metros, falla. Os vascos empatan. Marca Tomás Moreira, pero Marcos Dorado é excluído.
De novo en inferioridade Dani Cadilla salva o seu equipo cunha intervención providencial. Restaba 1'10" e Javier Barrios pide tempo morto para preparar un último ataque que resolva o problema. Pero Miguel Porto perde o balón e na contra empata Íker Momeñe.
Novo erro. Nova perda, agora de Carlos García, e con só dous segundos os vascos non conseguen desfacer o empate. Salvárase un punto nun partido dominado polos desacertos, especialmente nunha segunda parte para esquecer.
SD TEUCRO (23): Dani Cadilla; David García Pichel (3), Alejandro Pombo, Miguel Porto (2), Tomás Moreira (1), Víctor Rodríguez (3), César Armán (5) -sete inicial-, Héctor Gil (p.s.), Marcos Dorado (3), Carlos Pombo, Carlos García, Borja Pedreira (3) e Miguel Sío (3).
BM BARAKALDO (23): Gontzal Aurrekoetxea; Endika Sarasola, Lander Borda, Xabier Bordegaray, Josu Valderrama, Oier García (7), Jon Ortuondo (7, 1 de penalti) -sete inicial-, Jon Urretxa (p.s.), Asier Nieto, Borja Lucas, Arkaitz Moreno (5), Arkaitz Piriz, Ígor Barcenilla (2) e Íker Momeñe (2).
Árbitros: Jordi Ausas Busquets e Míquel Florenza Virgili (Cataluña). Descualificaron con vermello directo o xogador local Carlos García, a falta dun segundo para o final. Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado (2), Miguel Porto, Víctor Rodríguez, Borja Pedreira e César Armán, polo Teucro, e a Lander Borda (2) e Arkaitz Piriz, polo conxunto vasco.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 3-5, 5-7, 10-7, 13-9, 15-11 (descanso), 15-12, 18-15, 19-16, 20-20, 21-20 e 23-23 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 300 espectadores.