Un pésimo último cuarto condena (65-61) un Peixe Galego que tivo ao CB Prat contra as cordas
Por Redacción
A piques estivo o Marín Peixe Galego de dar a sorpresa na cancha do CB Prat, un dos equipos máis fortes da categoría. Foi por diante case todo o encontro, pero un terrible último cuarto, no que os marinenses encaixaron un parcial de 12-0 e anotaron tan só seis puntos, frustrou as súas esperanzas. Caeu por 65-61, un resultado que complica a súa clasificación para o play-off de ascenso.
Os cataláns salvaron un partido que se lles puxo costa arriba xa desde o principio. Un atrevido e ambicioso Peixe Galego, malia baixas tan importantes como as de Lucho Fernández e Darío Suárez, controlou o primeiro cuarto (13-15), grazas especialmente á gran actuación dun inspirado DiRugeris. A pesar do acerto de CB Prat nos triplos, os galegos ampliaron a súa vantaxe ao descanso, ao que chegaron cunha renda de seis puntos (29-35).
Trala reanudación Sans saíu con forza para volver meter en partido aos locais, pero o Peixe Galego guiado por un magistral Adón mantiveron o ritmo e afrontaron o último cuarto con oito puntos de vantaxe (47-55). A diferenza foise mantendo ata que chegou a reacción catalá. Foi unha mestura do seu gran xogo e do cansazo dos galegos, que viaxaron a Barcelona con só tres cambios.
A falta de seis minutos para o final todo cambiou e en apenas catro minutos, o CB Prat endosou un parcial de 12-0 aos marinenses, que se viron desbordados por un desatado Caven. Co 62-59, os cataláns xa non deixaron escapar o partido e pechárono administrando a súa vantaxe desde a liña de tiros libres.
Con esta derrota, a cuarta consecutiva, o Marín Peixe Galego afástase do play-off de ascenso. Son décimos con oito vitorias e catorce derrotas. Están a un triunfo do Zornotza, que ocupa o último posto de privilexio, pero os vascos teñen un partido menos, o que disputarán este domingo contra o Palma Air Europa.
CB PRAT (65): Abalde (7), Vilanova (3), Nogués (10), Serrano (8), Nikolic (4) -cinco inicial- Aboubacar, Guallar, Gomila, Ros (7), Iriarte (4), Sans (10), Caven (12).
MARÍN PEIXE GALEGO (61): Manu Ferreiro (9), Blair (12), Gregorio Adón (9), Aramburu (10), Dirugeris (11) -cinco inicial- Bandoumel (8), Víctor García, Luis González (2).
Árbitros: Zafra Guerra y Muñoz García. Sin eliminados.
Parciales: 13-15, 16-20, 18-20, 18-6.
Incidencias: Partido disputado en el Pabellón Joan Busquets, El Prat de Llobregat (Barcelona).