A derrota en Zarautz (35-27) deixa o Teucro con poucas opcións de loitar polo ascenso
Por Redacción
Pouco puido facer o Teucro en Zarautz. Quince minutos abondaron ao cadro guipuscoano para empezar a poñer terra de por medio no marcador e marchar con autoridade ata practicamente sentenciar o partido xa no primeiro período. Os teucristas foron a remolque dende a xogada inicial, conseguindo unicamente nivelar o resultado no minuto 6, cun gol do seu porteiro, Dani Cadilla, de portaría a portaría.
Logo comezou o calvario azul, que segue pagando o seu curto equipo e acusando as baixas coas que conta, ademais das limitacións físicas de xogadores que seguen sen alcanzar o nivel que ofreceran na primeira volta.
Malia a mala arbitraxe da parella asturiana, poucas obxeccións se poden poñer ao resultado, que deixa aos de Javier Barrios con escasas, por non dicir nulas, opcións de acceder a disputar o play-off de ascenso esta tempada.
O equipo vasco foise ao descanso coa máxima diferenza ata o momento do partido (8 goles), aproveitando a frouxa defensa teucrista, que foron unha lousa insalvable para os pontevedreses.
Malia que os comezos da segunda parte viron a un Teucro que non quería resignarse á súa sorte, con tres goles consecutivos de Tomás Moreira, Carlos García e Alejandro Pombo, os vascos repuxéronse logrando manter esa vantaxe de cinco tantos, ata que mediado o segundo período David Aguirrezabalaga poñía a puntilla definitiva, con tres goles en apenas dous minutos, que devolvían a renda de oito ao conxunto local.
Javier Barrios pediu un tempo morto para intentar parar a sangría, pero foi inútil, Josu Lertxundi e Ibón Sasiaín aínda ampliaban máis a brecha, para alcanzar a máxima diferenza de dez (30-20), a falta de 13 minutos, que botaba por terra calquera esperanza de remontada teucrista.
AMENABAR ZARAUTZ (35): Julen de Carlos, Gorka Berridi; Julen Aguirregomezcorta, David Aguirrezabalaga (9), Ión Alzaga (3), Josu Atorrasagasti, Ánder Atorrasagasti (2), Erik Balenciaga (8), Mikel Beristain, Txomin Bujanda (2), Josu Lertxundi (1), Mikel Muguerza (7), Jurgi Ondarra e Ibón Sasiaín (3).
SD TEUCRO (27): Dani Cadilla (1), Héctor Gil; César Armán, Marcos Dorado, Borja Pedreira (3), Carlos García (8), David García Pichel (8), Tomás Moreira (1), Carlos Pombo (2), Alejandro Pombo (2), Miguel Porto (1), Víctor Rodríguez (1) e Miguel Sío.
Árbitros: Jesús Álvarez Menéndez e José Carlos Friera Cavada (Asturias). Descualificaron o xogador local Josu Atorrasagasti (minuto 39). Excluíron por dous minutos a Julen Aguirregomezcorta (2), Josu Lertxundi e Ibón Sasiaín, polos locais, e a Carlos García e Víctor Rodríguez, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 5-3, 8-5, 12-7, 15-9, 17-10, 20-12 (descanso), 22-16, 25-18, 28-20, 31-22, 33-24 e 35-27 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de Zarautz. Uns 300 espectadores.