Marín prepárase para a disputa da undécima edición da +10 Manuel Rosales
Por Redacción
Todo preparado en Marín para a disputa este sábado 27 de xullo da undécima edición da +10k Marín Manuel Rosales. A cita deportiva anual e consolidada no calendario rexional bate récord de participación este ano con cerca de 600 inscritos en adultos e 400 menores.
A carreira arrincará a partir das 20:00 horas coas probas dos máis pequenos, que encherán a vila de deporte á vez que homenaxean a Manuel Rosales, unha das figuras máis relevantes e destacadas do deporte marinense.
A proba absoluta, pola súa banda, celebrarase ás 22.00 horas con saída desde a Avenida de Ourense e chegada á Alameda Rosalía de Castro. O percorrido terá unha distancia de 10 quilómetros totalmente planos, sen desniveis e homologado pola Real Federación Española de Atletismo.
Durante a presentación do evento estiveron presentes o xornalista Terio Carrera; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o propio Rosales; os campións de Europa e atletas olímpicos Juan Carlos Higuero e Arturo Casado, e a atleta olímpica e terceira de Europa, Diana Martín.
Nela falouse da traxectoria do homenaxeado, oito veces vencedor da Maratón de Nova York e unha auténtica lenda máis alá de Galicia.