Empate do Waterpolo Galaico en Santiago que lle permite manter o liderado
Por Redacción
A falta dunha xornada para a conclusión da liga regular o Waterpolo Galaico Pontevedra mantense na primeira posición da Primeira División Galega tras empatar a domicilio ante o CW Santiago (10-10).
Os pontevedreses puideron asegurar o factor cancha ao seu favor no play-off, pero non lograron dobregar a un conxunto compostelán que igualou a falta de 30 segundos cando o Galaico gañaba por un tanto despois dun partido tremendamente igualado.
Os de Javi de Sáa lograran remontar os dous tantos en contra cos que chegara ao inicio do último cuarto.
A última xornada, que definirá os cruzamentos de semifinais polo título, disputarase o próximo 16 de marzo, cun Marina de Ferrol-Galaico e un Náutico de Vigo-Natación Coruña.
Estes últimos, terceiros a tres puntos dos lerezanos, poderían chegar a empatar co Galaico na cabeza da táboa.
CW SANTIAGO (10): Raposo, Cabrera, Ferrer, Mayer, Taboada, Piñeiro (5), Raposo (1), Caamaño (3), Fernández, Carro, Pieroni, Campaña (1), Viaño.
CW GALAICO PONTEVEDRA (10): Pablito, Rober (6), Xoán, Rubén, Kike, Juanjo, Ángel (1), Andrés (2), Raúl, Aarón, Bran (1), Juan, Manu.
Parciais: 3-4, 2-1, 3-1, 2-4.