A Terceira División de fútbol sala comprímese tras un novo tropezo do Leis
Por Redacción
Cinco semanas sen gañar encandena o Leis Pontevedra, que pasou de ser un líder sólido na Terceira División de Fútbol Sala a ver comprimida ao máximo a clasificación.
Os lerezanos, malia perder na casa ante A Estrada FS (4-5), manteñen o liderado cun punto de vantaxe sobre un Coruxo que caeu ante o filial do Burela, pero agora o Santiago Futsal B colocouse a só tres puntos na terceira praza.
Os de Manu Cossío desaproveitaron unha boa ocasión de abrir oco na cabeza da táboa tras verse superado nun partido tolo, con multitude de tarxetas, varias expulsións e ocasións que finalmente caeu do bando visitante.
O Leis foi boa parte do encontro a remolque, empezando na primeira metade, cando logrou igualar o tanto inicial da Estrada para chegar en táboas ao intermedio.
No segundo acto os visitantes impuxéronse no medio do descontrol para levarse tres puntos que os sitúan en cuarta posición a só cinco puntos do liderado.
LEIS PONTEVEDRA (4): Rubén, Abadín, Márquez, Dani, Gustavo, Sergio Martínez (1), Pablo Durán (1), Barcala (1), Raúl Jiménez (1), Miguel López, Pocho.
A ESTRADA FS (5): Javier, Sergio, Joaquín, Rebo, Rafa (1), Fabián (1), Marcos (2), Francisco, Tojo, Moro (1), César, Jose.
Árbitros: Castro Maquieira e Otero Baltasar. Amoestaron aos locais Sergio, Pablo e Barcala e a Javier, Fabián, Marcos, Tojo e Moro nos visitantes. Expulsaron a Pocho no Leis e a Joaquín, Rafa e Francisco na Estrada.