O Cidade de Lugo Fluvial, gañador no Campionato de España de Clubs celebrado en Pontevedra
Pontevedra respira tríatlon e volveu quedar patente durante este sábado coa disputa do Campionato de España de Tríatlon por Clubs, unha cita encheu a cidade dun gran ambiente deportivo e que puxo o broche á Liga Nacional deste deporte.
A xornada desenvolveuse na contorna da ponte dos Tirantes, cun percorrido en bicicleta por Rafael Areses, Avenida de Compostela e Alexandre Bóveda e carreira a pé subindo en dirección a Monte Porreiro, ata a ponte das Palabras.
A actividade arrincou ás 11.00 horas coa Terceira División Feminina, ás 12.30 horas foi a quenda da carreira de Segunda División Feminina e ás 14.00 horas a de Primeira División Feminina.
Na máxima categoría feminina o equipo dominador foi o Cidade de Lugo Fluvial, a falta das remudas mixtas que se celebrarán este domingo a partir das 9:30 horas. O cadro lucense logrou 1.251 puntos fronte aos 1.075 do Bétera valenciano e os 1.055 do Náutico de Narón.
A competición contou coa participación da bueuense Natalia Castro, que finalizou en 16ª posición, e as pontevedresas Candela Sánchez (34ª) e Marta Novo (83ª).
O equipo de Lugo tamén se proclamou campión na Primeira División masculina con 1.313 puntos, por diante de Universidade de Alacante (1.218) e do Peñota Dental Alusigma (1.142).
Na Segunda División feminina o ouro foi para Triatlón Las Rozas, con Lagoa de Douro en segunda posición, e Ecosport Alcobendas terceiras; e en masculina foi campión Katoa Barcelona, seguidos por Tri Infinity Móstoles e Triatlón Ferrol.
Por último, ascenden á categoría de prata do tríatlon feminino o Squali Carabanchel, CN Mataró, Deportivo Delikia (Vigo) e Natació Barcelona Fasttriatlon; e na masculina promocionan o AD Fogar (A Coruña), Deportivo Delikia (Vigo), Natació Barcelona Fasttriatlon e Triatlón Laguna de Duero.
HORARIOS DO DOMINGO
O domingo 23 comezará ás 9:30 horas o Campionato de España de Tríatlon por Remudas Mixtas, última e decisiva xornada para as clasificacións das ligas.
Ademais, a partir das 12:45 horas celebraranse as carreiras promocionais do circuíto nacional Pho3nix Kids Triathlon Series by Javier Gómez Noya, en formato de Acuatlón, con segmentos de natación e carreira adaptados ás idades das e os participantes, de categorías pre-benjamín, benjamín, infantil e cadete.
Entre elas endrá lugar o Campionato galego de Tríatlon SuperSprint.
Imaxes do Campionato de España de Tríatlon por Clubs
As diferentes carreiras desenvolvéronse na contorna da ponte dos Tirantes, cun percorrido en bicicleta por Rafael Areses, Avenida de Compostela e Alexandre Bóveda e carreira a pé subindo en dirección a Monte Porreiro, ata a ponte das Palabras
© Cristina Saiz