A Gimnástica, a por medalla no Nacional de campo a través
Por Redacción
Oropesa del Mar, en Castellón, será escenario o próximo domingo 2 de marzo do Campionato de España de campo a través, unha cita que contará coa presenza de máis de 2.600 atletas e na que estará representada a Sociedad Gimnástica.
O equipo masculino de cross curto do club pontevedrés aspira ademais a facer historia na entidade, pois o seu obxectivo se fixa en lograr subir ao podio, superando o cuarto posto de 2010.
Seis atletas compoñen a formación da Gimnástica para esta cita, despois de proclamarse recentemente campión galego da especialidade. Son Víctor Riobó, Iván Docampo, Robertas Geralavicius, David Martínez, Pablo Díaz e Sergio García, que substitúe a Emilio Martín, baixa de última hora.
Para loitar polas medallas catro deles, que serán os que puntuarán, deberán intentar clasificarse entre os 20 primeiros corredores.
VÍCTOR GALEGO, NO NACIONAL DE LANZAMENTOS
Outro atleta do club lerezano afrontará tamén este fin de semana un Campionato de España. Trátase de Víctor Gallego no Nacional de lanzamentos longos que se celebra o sábado en León.
Gallego, segundo este ano no ranking nacional de disco cunha marca de 53.80, aspira a repetir a medalla que conseguiu hai dous anos en Murcia, cando foi prata.