Fran Rico celebra con Olympiacos o seu segundo título europeo nos bancos
Por Diego Espiño
O Olympiacos grego está de parabén, celebrando o que é o primeiro título europeo da súa historia tras vencer este mércores á Fiorentina (1-0) na final da UEFA Europa Conference League.
Un gol no minuto 116 da prórroga desatou a tolemia en Atenas, onde se celebraba a final para delirio da afección local, e con eles estaba todo un canteirán do Pontevedra Club de Fútbol, Fran Rico.
O portonovés é o segundo adestrador de José Luis Mendilibar. Con el iniciou a pasada tempada a súa aventura nos bancos no Sevilla FC, tras poñer fin á súa carreira deportiva e a unha breve tempada nos despachos traballando para o Eibar, e a experiencia está a depararlle momentos inesquecibles.
En Sevilla puxo o seu gran de area para levantar a UEFA Europa League, e tras saír de Nervión e asumir Mendilibar o reto de dirixir a un grande de Grecia como Olympiacos, seguiu ao seu lado para repetir título continental e facer historia no seu novo club.
"Es increíble todo lo que nos está pasando", asegurou Fran Rico tras o triunfo nas súas redes sociais e acompañado da súa familia. Non é para menos a súa alegría, e de feito xa gañaron a súa renovación en Grecia por unha tempada máis.
Todo eles sen esquecer as súas raíces e a un Pontevedra Club de Fútbol que leva no seu corazón. De feito, tras recibir a felicitación do club no que se formou Fran confirmou que estará a animar o vindeiro domingo nas bancadas de Pasarón na final polo ascenso a Primeira RFEF, como granate de corazón que segue sendo.
Gracias!!!! Nos vemos el domingo https://t.co/eh1cQcfqzA
— Fran Rico (@narfrico) May 30, 2024