Iván García proclámase subcampión de Europa
Por Almu Dapena
Superada a súa grave lesión que lle impediu loitar por estar nos Xogos Olímpicos, Iván García (+87 quilos) regresou ao seu máximo nivel e proclamouse subcampión de Europa en Belgrado.
O taekwondista marinense chegou á cita como cabeza de serie número tres do torneo e arrincou o Campionato de Europa cun triunfo claro por 2-0 (5-1, 5-0) diante do moldavo Dragoș Marinescu.
Más difícil tívoo en cuartos de final, pero logrou superar por 2-0 (3-2, 4-3) ao acerbaixano Hamidreza Badrialiabadi e lograr así o pase a semifinal, onde lle esperaba o turco e segundo cabeza de serie Emre Kutalmis Atesli e ao que tamén gañou, e de forma esmagadora, para acceder á final pola porta grande e asegurar as súas opcións de medalla (5-0, 5-7).
Era o momento do combate decisivo e no que tocaba medirse ao británico Caden Cunningham, primeiro cabeza de serie e olímpico en París. Un reto maiúsculo.
Con todo, o deportista do Mat's mostrou unha gran defensa no primeiro asalto e impúxose por 3-1, pero no segundo pronto se atopou cun 0-5 que non foi capaz de levantar (3-5). Chegouse así ao terceiro round, no que tocaba xogarse todo por conseguir o metal dourado. Iván García chegou a ir gañando por 4-1, pero o británico repúxose e terminou volteando o resultado para sentenciar nun axustado 6-8 e proclamarse campión de Europa.
Coa medalla de prata do marinense, España pon o broche a un gran Campionato de Europa no que logrou 4 medallas. Dani Quesada (-74 quilos) e Adriana Cerezo (-49 quilos) fixéronse co ouro e Adrián Vicente co bronce (-58 quilos).
Pola súa banda, Sergio Troitiño (-87, Mat's) superou en primeira rolda ao belga Manuel Pollet e avanzou sen problemas aos cuartos, nos que lle esperaba o turco Enbiya Taha Bicer. O pontevedrés foi sorprendido, aínda que reaccionou ben para impoñerse no segundo asalto por 17-10, con todo, no terceiro, cando o turco ía por diante cun 3-1, Sergio recibiu unha puñada que o tombou por completo e quedou sen opcións de acceder á semifinal.