As Pontes, algo máis que tres puntos en xogo para o Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Partido no cumio. As Pontes e Pontevedra enfróntanse no campo do Poboado (sábado, 18:00 horas) nun importante partido con algo máis que tres puntos en xogo, baixo a dirección do colexiado catalán David Congost Larrosa (Sabadell).
Os coruñeses dominan a clasificación con tres puntos de vantaxe sobre os granates, que veñen de perder de forma imprevista ante o Laracha en Pasarón, e intentarán recuperar eses puntos para volver dar alcance a un líder que se está a mostrar firme e sólido na súa traxectoria, especialmente cando actúa como local.
O equipo que adestra Manolo García conta con homes expertos nas súas filas como Aitor Díaz, Pablo López, Chicho, David Amado ou Sergio Arias, ademais dun gran potencial ofensivo, cun equipo no que ata 16 dos seus compoñentes viron portaría na presente tempada, na que levan conseguidos nada menos que 49 goles, tan só un menos que o Boiro, que é o conxunto máis realizador.
Ademais, no seu feudo despois de dous empates nos primeiros partidos xogados, unicamente conseguiu puntuar, logrando os tres puntos o Barbadás, na xornada do 6 de outubro. Dende entón, máis de tres meses e medio despois, As Pontes só acumula vitorias, con nada menos que nove triunfos consecutivos e unhas cifras que impresionan, de 24 goles a favor por só 4 en contra nesas nove xornadas.
Números que levaron o equipo coruñés a liderar a clasificación, converténdoo xa, a estas alturas da liga, nun serio aspirante ao título de campión.
Malia as dificultades que encerra o partido, os de Manu Fernández sairán dispostos a pola vitoria, conscientes de que os tres puntos supoñerían un importante golpe de efecto de cara ao que resta de campionato, alcanzando no primeiro posto ao seu rival, ademais de superar o equipo coruñés no parcial (na primeira volta en Pasarón a vitoria foi para o Pontevedra por 2-0).
O técnico granate ten á súa disposición a todos os seus homes, coa excepción de Adrián Gómez, sancionado por acumulación de amoestacións, polo que tivo que realizar descartes nunha convocatoria na que non deixa de sorprender a ausencia de David García, para deixar o seu sitio ao canterano Kevin Presa, e dando entrada a Miguel polo sancionado Adrián.
Ademais, a recuperación de Tubo, co que supón de acumulación de homes da zona de ataque, a levado ao técnico a prescindir tamén de Kevin Levis, que queda fóra xunto a Pedro Crespo e Luismi.
Os 16 xogadores que se desprazarán ata As Pontes son: Edu, Paco, Caco, Pablo, Miguel, Yago Vázquez, David Feito, Pablo Lede, Moreira, Kevin Presa, Fran Fandiño, Tubo, David Pérez, Benja, Javi Otero e Pablo Carnero.
VIAXE DAS PEÿAS
Os xogadores granates non estarán sós no Poboado. A Asociación de Peñas do Pontevedra realizará o desprazamento, fretando un autobús para os afeccionados que queren acompañar o equipo en tan importante partido en As Pontes.
A saída será como é habitual dende o Pavillón Municipal de Deportes, ás 15:00 horas, con regreso ao términar o partido. Os peñistas que se apuntaron á viaxe aboarán 15 euros, entrada incluída, nunha viaxe que foi subvencionado polo colectivo Acción Granate, para conseguir que o desprazamento sexa máis alcanzable.