Marín premia a Cecilia Puga e Jean Marie Okutu como mellores deportistas do ano
Por Redacción
Despois de case dúas horas de deliberación o xurado da Gala do Deporte de Marín 2013, reunido na xornada do xoves, fixo público o listado de gañadores do galardón local.
Así serán recoñecidos como mellores deportistas marinenses do pasado ano a Cecilia Puga, xogadora do Poio Fútbol Sala e internacional por España, e Jean Marie Okutu, atleta enrolado nas filas do Fútbol Club Barcelona.
Ademais, segundo o xurado, o mellor club foi o Marín Peixe Galego, as mellores promesas Irene Trabazo e Luis González, o deportistas veterano máis destacado Luis Pazos, o adestrador Miguel Santiago e a escola deportiva o Ancoradouro FS.
Tamén foron distinguidos Carlos Landín pola súa traxectoria, a carreira popular Pinga Pinga como mellor evento e Refrescos del Atlántico como firma patrocinadora e colaboradora co deporte local.
A data da Gala do Deporte farase pública nos próximos días e celebrarase no Salón de Plenos do Concello.