Poio mantén a súa aposta polo dúatlon
Por Redacción
O Concello de Poio será escenario o vindeiro sábado 20 de abril do Campionato Xunta de Galicia de Dúatlon na estrada e da I Copa Galicia de Veteranos, volvendo apostar por unha modalidade deportiva que contou con diversos eventos no municipio nos últimos anos.
Nesta ocasión o campionato autonómico, que foi presentado oficialmente este venres, desenvolverase entre Lourido e Campelo e contará con deportistas destacados como a paratriatleta Susana Rodríguez, recentemente galardoada co Premio Nacional do Deporte.
"Confiamos en que sexa un éxito de participación pero tamén de espectadores que veñan a disfrutar desta modalidade nun marco incomparable, como é esta fachada marítima de Lourido e de Campelo", sinalou o alcalde, Ángel Moldes, acompañado do presidente do Club Tríatlon Poio, Carlos Sánchez; o director deportivo da Federación Galega de Tríatlon, Carlos Prieto; os concelleiros Cándido Muíños e Maritxe González, e de representantes veciñais.
"O campionato galego é a proba reina do Duatlón Galicia", asegurou Carlos Prieto poñendo en valor que en Poio estarán "os mellores duatletas e moitos triatletas preparando a tempada de verán".
Pola súa banda desde o Tríatlon Poio destacaron a organización da Copa Galicia de Veteranos porque "gran parte do pelotón que hai ocúpano estas categorías e pensamos que ter un campionato para eles vai ser un éxito", afirmou Carlos Sánchez.
O Campionato Xunta de Galicia de Dúatlon partirá desde o paseo de Lourido cun tramo de carreira a pé de 5.000 metros (dúas voltas ao circuíto deseñado), seguindo despois con 18 quilómetros de ciclismo e terminando con 2.500 metros a pé de novo en Lourido.
Para garantir a seguridade da competición, o plan de tráfico deseñado contempla o corte á circulación do paseo marítimo de Lourido ás 11.00 horas da mañá. Ademais non se poderá facer uso do aparcamento da praia desde as 18.00 horas do venres e ata o domingo, mentres que o tramo na praia de Cabeceira cara a Lourido estará pechado de 7.00 a 21.00 horas, e o tramo desde o porto en dirección a Campelo estará restrinxido de 14.15 a 16.25 horas, de 16.40 a 18.50 horas e de 19.10 a 20.36 horas.
RECEPCIÓN MUNICIPAL A SABELA MARTÍNEZ E MARTÍN EXPÓSITO
En materia deportiva, o Concello de Poio ofreceu tamén unha recepción oficial esta semana a dúas dos seus novos campións.
Trátase da atleta Sabela Martínez, campioa de España sub-18 de 3.000 metros, e de Martín Expósito, piragüista que logrou tamén o ouro nacional no C-1 de categoría júnior.