Pablo Barreiro, un vilagarcián de 16 anos, vence con Alba Díaz no campionato de España da clase 420
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A embarcación con tripulación mixta formada por Pablo Barreiro e a coruñesa Alba Díaz lograba esta fin de semana gañar o campionato de España da clase 420, que se celebraba na Bahía de Cádiz.
O barco que tripulan logrou, xa a falta dunha xornada, situarse na cabeza de maneira moi destacada, cunha diferenza de 59 puntos sobre a segunda embarcación clasificada, a tripulación do Team Balís de Izan Codinaachs e Carla Romago.
Pablo Barreiro Cores é vilagarcián e membro do Real Club Náutico de Sanxenxo. Ten tan só 16 anos e compite na categoría Sub 19 con Alba Díaz Martínez, que suma 18 anos. Barreiro atópase no seu segundo ano da modalidade de 420.
Os dous tamén gañaron recentemente a proba puntuable do campionato galego en Vigo e actualmente están situados na segunda posición da clasificación galega.
A selección galega de 420, de vela lixeira, atópase desde a semana pasada en Porto Sherry, en Cádiz, para disputar este Campionato de España, no que participan 60 embarcacións.