Terceiro partido da tempada para o Pontevedra co mesmo colexiado
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
É pouco habitual que nunha categoría como a Segunda RFEF un mesmo árbitro se cruce máis de dúas veces co mesmo equipo na mesma tempada, pero é o que lle ocorrerá ao Pontevedra Club de Fútbol a próxima xornada de liga fronte ao CD Covadonga.
O castelán-leonés Omar Álvarez Rodríguez foi designado polo Comité Técnico de Árbitros para dirixir o duelo do próximo domingo 7 de abril (17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.
Será a terceira vez que Álvarez Rodríguez arbitre esta tempada aos granates, coa curiosidade que as dous anteriores foron ante o mesmo rival, a Gimnástica de Torrelavega, tanto na primeira como na segunda volta.
Precisamente na primeira xornada de liga foi o colexiado na derrota encaixada polos pontevedreses para arrincar a competición, nun duelo con moitas tarxetas (sete amarelas e expulsión por dobre amoestación do visitante Gándara) e na que os de Yago Iglesias reclamaron dous penaltis.
No choque de volta pola súa banda, con triunfo granate por 1-2 en Torrelavega, mostrou seis cartolinas.
Omar Álvarez Rodríguez tamén se cruzou co Pontevedra nunha ocasión na tempada 21-22, no Coruxo-Pontevedra que finalizou con empate (2-2).