Reabren os campos da Lomba e Fontecarmoa ao solucionarse o problema do cal
Por Redacción
Os campos de herba natural da Lomba e de Fontecarmoa poderán volver a utilizarse esta semana. Tras o peche preventivo declarado a semana pasada, a concelleira de Deportes, Elena Suárez, anunciou este luns a medida aos responsables do Arosa S.C., Arousana e Os Ingleses, os tres equipos que utilizan estas instalacións e que poderán realizar os seus adestramentos habituais e xogar os partidos de competición previstos para a fin de semana.
Os terreos de xogo de ambas as dúas instalacións municipais atópanse en bo estado despois do descanso da última semana e como consecuencia de que nos últimos días as precipitacións descenderon notablemente.
Tras concluírse que a causa das abrasións sufridas por varios xogadores foi a excesiva cantidade de cal botada para evitar que as liñas dos campos se borrasen coas intensas choivas, a Fundación decidiu que os terreos de xogos marcaranse con pintura para os partidos previstos esta fin de semana. O uso da pintura limitarase ás xornadas de choivas para evitar riscos.
En todo caso, tanto a Fundación como o Arosa SC volverán a insistir ante o organismo federativo para que manden un perito a examinar o campo da Lomba. Espérase que esta visita se leve a cabo nas vindeiras horas, co obxecto de poder proceder a retirar a cal do campo canto antes, tal como se fixo en Fontecarmoa. A idea é que o céspede estea totalmente limpo para que o Arosa poidan adestrar na Lomba o xoves, tal como está fixado no calendario.
Os Ingleses poderán facer uso antes do campo de Fontecarmoa, xa que este está totalmente limpo de cal acondicionado.
Aparte da reapertura e condicións do campo da Lomba para o partido da xornada que ven, na xuntanza de este luns o Arosa propuxo a posibilidade de asinar un convenio co Concello para facerse cargo o club do mantemento do terreo de xogo. A presidenta da Fundación comprometeuse a estudar a proposta e os termos da mesma, xa que agora é este organismo o que financia e se encarga destes traballos e financia o seu custe.
A Fundación tamén estudará a posibilidade de colaborar economicamente co club que preside Manuel Abalo para adquirir unha cortadora de céspede con rodillo, unha máquina que o club considera imprescindible para o bo mantemento do terreo de xogo. Suárez tamén se comprometeu a solicitar á Federación galega de Fútbol que, de cara á próxima temporada se acomoden os calendarios de competicións a efectos de que, na medida do posible, os partidos en casa de Arosa e Arousana non coincidan na mesma fin de semana.
Por último, tanto a Fundación como o club manifestaron o seu desexo de que a próxima temporada o Concello de Vilagarcía poida contar cun campo máis de herba artificial do que se poida beneficiar todo o deporte vilagarcián e que permita aliviar o uso intensivo das instalacións actuais.