O Mareantes garante a súa praza na loita polo título ao vencer o Campus Ourense Rugby
Por Redacción
O Mareantes logrou unha importante vitoria ante o Campus Ourense Rugby por 30-10, que lle permite a falta de dúas xornadas garantir a súa entrada na loita polo título que xa lograron a pasada tempada.
O equipo pontevedrés saíu moi mentalizado e conseguía o primeiro ensaio na xogada de inicio do encontro. Na primeira metade, o Mareantes obtiña dous novos ensaios cun dominio incontestable que permitía subir o 15-0 ao marcador nun partido que contaba coa volta aos terreos de xogo dun notable Mateo De la Fuente, tras a súa lesión prolongada.
O Campus Ourense mostrouse máis ambicioso na segunda parte e despregou un xogo máis fluído, conseguindo un rápido ensaio que provocou un achegamento no marcador cun perigoso 15-10 para o conxunto pontevedrés.
Non obstante, os locais non se deixaron amedrentar e engadiron tres novos ensaios conseguindo o punto bonus ofensivo. A diferenza non resultou máis elevada en favor dos blanquinegros debido á falta de acerto dos pateadores do Mareantes, que con esta vitoria recuperan a segunda praza na clasificación. Os ensaios foron obra de Mateo, Morti, Juancho, Amo, Iago S. e Nathan.