Clausuran provisionalmente A Lomba e Fontecarmoa ante a proliferación de lesións na pel dos deportistas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía ordenou este luns a clausura temporal dos campos de herba natural da Lomba e Fontecarmoa, tras sufrir varios xogadores do equipo de rugby de Os Ingleses lesións na pel.
Esta inicidencia no partido de Os Ingleses en Fontecarmoa prodúcese quince días despois de que se desen os primeiros casos entre xogadores do Arosa nun encontro na Lomba.
Tras inspeccionar os campos, os responsables da Fundación apuntan a un posible "exceso de cal utilizado polos clubs para pintar as liñas do terreo de xogo e que estas non se borren coa chuvia".
Sen embargo as primeiras comprobacións determinaron que o cal apagado utilizado nas últimas semanas é a habitual, ao igual que os métodos de pintado das liñas.
A medida de peche preventivo afecta directamente ao Arosa, Atlético Arousana e Os Ingleses, que non poderán utilizar estas instalacións ata que se determinen a causa das lesións na pel dos deportistas.
Por ese motivo a Fundación reorganizará os horarios de uso do resto de campos municipais para que estes equipos poidan realizar os seus adestramentos programados.